A proposta forma parte do Corazón da Artesanía, que organiza a Xunta no conxunto histórico-artístico dos Pendellos de Agolada entre o 6 e o 8 de xullo
O Corazón da Artesanía. VII Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que organiza a Xunta nos Pendellos de Agolada (Pontevedra), do 6 ao 8 de xullo, inclúe un ano máis na súa programación coa iniciativa Artesanía no Prato, un proxecto no que Artesanía de Galicia se une á cociña galega máis vangardista a través de demostracións gastronómicas.
Nun espazo único como é o conxunto histórico-artístico dos Pendellos, os asistentes aos showcookings poderán degustar menús elaborados por prestixiosos profesionais da cociña galega e servidos en pezas de Artesanía de Galicia. Os cociñeiros do Grupo Nove Iñaki Bretal, Héctor López e Javier Rodríguez Ponte “Taky” así como a chef María Varela, realizarán demostracións culinarias durante a próxima fin de semana nas que empregarán pezas de cestería tradicional de Antonio Suárez Dávila (Vigo), cerámica dos obradoiros Witchneeds (Vigo), Laura Delgado (Cambre), Paula Ojea (Vigo), Fani Sánchez Barreiro (A Coruña), Arobe Cerámica (A Coruña) e Fernando Porto (A Estrada), así como cestas elaboradas con corda de algodón do obradoiro Degerónimo (Santiago de Compostela).
As sesións de showcooking iniciaranse o venres ás 20:30 horas, con Iñaki Bretal, do restaurante O Eirado da Leña (Pontevedra). O sábado o cociñeiro Héctor López, do Restaurante España (Lugo), realizará dúas demostracións, ás 13:30 e ás 15:00 horas, mentres que María Varela, do restaurante A Parada das Bestas (Palas de Rei), encargarase da demostración a partir das 20:30 horas. O domingo, será Javier Rodríguez Ponte “Taky”, o que se encargará de realizar dous espectáculos gastronómicos, ás 13:30 e ás 15:00 horas.
A programación de Artesanía no Prato completarase con dúas degustacións que terán lugar ás 18:00 horas no mesmo espazo que os showcookings. O venres está previsto realizar a de “Coctelería Long Drink”, a cargo de Xaime Rodríguez, do Bar Kubos (Lalín) a partir de augardentes galegos. O sábado, Vide, Vide!, que tamén participa como expositor na feira, dirixe unha degustación de produtos de calidade e unha cata comentada de viños galegos. Para poder asistir a calquera das actividades de Artesanía no Prato é preciso inscribirse previamente no teléfono 692 843 313 (en horario de 9:00 a 14:00) ou no correo electrónico info@comunic-artecomunicacion.com.
Estes showcookings e degustacións forman parte dunha oferta gastronómica que se complementa con 49 expositores de produtos gourmet entre os que haberá viños, licores, proxectos innovadores de conservas, produtos elaborados con castaña, fabas, cervexas artesás, embutidos de porco e galo celta, meles e doces, entre outros.
O proxecto Artesanía do Prato foi unha iniciativa que comezou na segunda edición do Corazón da Artesanía grazas á colaboración de cociñeiros do Grupo Nove que comezaron a empregar pezas da marca. Esta iniciativa está a medrar co paso de cada edición e a finais do ano pasado, a Fundación Artesanía de Galicia organizou as I Xornadas Artesanía no Prato, na Cidade da Cultura de Galicia, nas que participaron 32 talleres de artesanía de diferentes oficios, que entraron en contacto directo con profesionais do sector da gastronomía. Froito destes anos de traballo están a xurdir proxectos de colaboración entre artesáns e cociñeiros que cada vez son máis numerosos.
O Corazón da Artesanía, impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, convértese cada ano nun evento integral de divulgación e de posta en valor da artesanía e dos oficios artesáns, así como da súa interrelación con outras disciplinas artísticas, a través dun amplo programa de actividades.
Ademais dos postos de exposición e venda, cun total de 52 artesáns de 26 oficios diferentes e 49 expositores de produtos de alimentación, durante os tres días que dura o evento os visitantes poderán ver demostracións de oficios tradicionais e participar nos obradoiros abertos para todos os públicos nos que iniciarse na artesanía.
- Te recomendamos -