Inicio Galicia A Fundación Pública Galega Camilo José Cela celebra a V edición do...

A Fundación Pública Galega Camilo José Cela celebra a V edición do seu “Letreseo a semana das letras no Museo”

0

A programación deste ano enmárcase na iniciativa “Padrón literario” promovida polo Concello e na que participan as dúas fundacións de autor padronesas con múltiples actividades para tódolos públicos

O “Letreseo, a semana das letras no Museo” coa que a Fundación de Iria Flavia conmemora o aniversario do nacemento do escritor (11 de maio), o Día das Letras Galegas (17 de maio) e o Día Internacional dos Museos (18 de maio), cumpre a súa V edición, consolidándose como unha das citas culturais máis importante na programación da entidade creada polo premio Nobel.

Este ano, ademais, enmárcase na programación conxunta promovida polo Concello de Padrón e en colaboración tamén coa Fundación Rosalía de Castro, de modo que as tres entidades ofertarán baixo o paraugas de “Padrón Literario” máis dunha quincena de actividades para tódolos públicos durante todo o mes de maio.

A programación da Fundación Pública Galega Camilo José Cela arranca este venres coa ofrenda floral á tumba do escritor ás 12:00 horas, e co concerto homenaxe para piano e soprano a cargo de Manuel A. Burgueras e Patricia Rodríguez Rico, que terá lugar as 20:00 horas no paraninfo da súa sede de Iria Flavia. Neste concerto poderase escoitar unha das últimas pezas musicadas dunha obra do premio Nobel “Casi cen acrósticos” creada polo compositor galego Miguel Brotóns Pérez.

Desde o venres e ata o 19 a entrada ao Museo será gratuíta para tódolos públicos e faranse visitas guiadas, tamén gratuítas, nos días de apertura ás 12:00 e as 17:00 horas (días de apertura: 11, 12, 15, 16, 18 e 19 de maio).

Visitas especiais nos sábadosO sábado 12 de maio ás 11:00 da mañá partirá da sede de Iria Flavia unha das rutas literarias dispoñibles na Web da institución (3 km) e que descorrerá pola contorna de Iria Flavia, pasando pola vía do tren, a Pedreda, a Fundación Rosalía, o Xardín Botánico de Padrón, a estatua do autor no Espolón e con fin na Igrexa de Santiago, para volver seguidamente á Fundación a realizar unha visita guiada polas súas novas instalacións.

Tamén o 19 de maio contará cunha programación especial, neste caso da man do artista Suso Martínez quen, caracterizado como “Matías Martí, o inventor de palabras” -papel que interpretou o propio Camilo José Cela na xenial adaptación de La colmena dirixida por Mario Camus en 1982 –, fará unhas visitas singulares ao universo celiano presente no Museo Camilo José Cela (pases ás 12 e as 17 horas).

Interese da nova museografíaTrala inauguración o pasado 14 de febreiro da nova museográfica, que inclúen os contidos do Museo Ferrocarrileiro John Trulock, máis de 1.400 persoas de tódalas idades xa se achegaron a coñecer a figura do premio Nobel o que está a amosar un incremento notable nas visitas a esta entidade de titularidade pública.


- Te recomendamos -