O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou esta mañá nos actos conmemorativos do XXV aniversario da Fundación Xosé Neira Vilas, que tiveron como eixo central a posta en valor da figura do escritor de Gres.
Na súa intervención, o conselleiro Román Rodríguez subliñou a importancia desta Fundación -da que é presidente de Honra- como “faro da cultura” para toda a zona e para as moitas persoas que pasaron por ela, entre elas reputados profesionais e académicos universitarios. Así mesmo agradeceu o inmenso traballo levado a cabo polas persoas que, ademais de Neira Vilas e a súa dona Anisia Miranda, impulsaron este proxecto, como é o presidente da Fundación, Luis Reimóndez.
A xornada de confraternidade -que se alongou durante toda a mañá- contou coa actuación de diferentes artistas e intérpretes relacionados coa figura e a obra do autor de Memorias dun neno labrego.
No evento tamén participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro; o presidente da Fundación Neira Vilas, Luis Reimóndez; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; e o sobriño de Neira Vilas, Fernando Redondo Neira, entre outros.
A xornada rematou cun xantar a modo de romaría na Insua dos Namorados, dando paso ao XXII Festival Internacional de Bandas de Música que anualmente celebra a Unión Musical Ponte Ledesma.
- Te recomendamos -