O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, presidiu a segunda reunión do ano do padroado da Fundación Galicia Europa na que se definiron as liñas de traballo para o novo ano
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo presidiu hoxe a reunión do ano do padroado da Fundación Galicia Europa (FGE), onde indicou que a Fundación seguirá traballando polos intereses de Galicia en áreas coma a aprobación do orzamento a longo prazo da UE 2021-2027 ou a definición de certa políticas clave, como a de Cohesión, a Política Agraria Común ou a de Transportes.
Segundo indicou Jesús Gamallo, en canto ao escenario de incerteza que se presenta co Brexit e a falta de coñecer se o Parlamento Británico ratifica ou non o acordo de retirada, a FGE seguirá prestando unha especial atención a este proceso e, en particular, á cuestión pesqueira, na que Galicia ten un maior interese. Con esta finalidade a FGE continuará co labor desempeñado os dous últimos anos coordinando o grupo de traballo sobre Brexit da Comisión Arco Atlántico dentro da Conferencia de Rexións Marítimas e Periféricas, ademais de recompilar na súa web brexitgalicia.eu a información máis relevante para os galegos.
Co obxectivo de seguir impulsando e fortalecendo a rede de técnicos de proxectos europeos en Galicia, a FGE convocará de novo o programa TecEuropa, de especialización en financiamento comunitario, no que, dende a súa creación no 2015 e tras sete edicións, xa participaron máis de 140 profesionais. O compromiso coa formación da entidade tamén continúa grazas a unha nova convocatoria de bolsas de especialización en asuntos europeos, á que poderán optar tanto licenciados como estudantes de formación profesional.
En 2019 a FGE continuará chamando a atención da UE sobre os problemas demográficos que afectan a Galicia e a outras rexións europeas. En especial, reclamará unha atención particular a estes problemas á hora de debater sobre o teito de gasto da UE, sobre o futuro da política rexional e da política de desenvolvemento rural a partir de 2020.
Cumio europeo de SibiuSen dúbida, unha das datas claves do 2019 é o cumio europeo que se celebrará o 9 de maio en Sibiu (Romanía). Seis semanas despois da retirada do Reino Unido da Unión Europea e dúas semanas antes das eleccións europeas, os dirixentes da UE reuniranse para reflexionar sobre a nova axenda estratéxica que guíe o labor da Unión Europea durante os próximos cinco anos.
Nela culminarase a axenda política que os xefes de Estado e de Goberno acordaron en outubro de 2017 para acometer os retos en materia de desemprego xuvenil, migración, seguridade, transformación tecnolóxica e dixital e transición cara a unha economía máis sustentable e hipocarbónica. Será un momento crucial para que a UE de 27 dea forma ao que será o seu futuro en 2025, dado que a Comisión presentará unha serie de informes e comunicacións con esa perspectiva.
Balance de 2018Os membros do padroado tamén abordaron durante a reunión o traballo realizado nun 2018 no que a FGE cumpría 30 anos defendendo os intereses de Galicia ante as institucións europeas. Entre as actividades realizadas ao longo do ano destaca a defensa, por parte do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, do ditame sobre o Fondo Europeo Marítimo e Pesqueiro máis aló de 2020 na sesión plenaria do mes de maio do Comité Europeo das Rexións.
Ademais do presidente, seis membros do goberno galego visitaron Bruxelas en 2018 para, no exercicio das súas funcións, manter encontros con diversos representantes das institucións comunitarias. Nestas visitas, a FGE prestou todo o apoio necesario identificando aos interlocutores más adecuados nas institucións europeas, preparando as axendas e prestando o asesoramento loxístico e técnico preciso para a súa correcta execución.
- Te recomendamos -