A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, asistiu hoxe á última xornada do curso onde ratificou a aposta da Xunta por unha Galicia “activa, deportiva e saudable”
Santiago, 9 de maio de 2018.- A Secretaría Xeral para o Deporte, a través da Fundación Deporte Galego vén de clausurar o curso ‘Avaliación da condición física saudable: valorar para prescribir actividade física, exercicio físico e deporte’ dirixido a técnicos deportivos municipais. O curso que foi impartido desde o luns na Escola Galega de Administración Pública contou co obxectivo principal de formar aos técnicos na valoración da condición física saudable e coñecer o funcionamento da plataforma DAFIS (Datos de Actividade Física Saudable) así como os protocolos e test físicos propostos nela. Do mesmo xeito traballouse na idea de establecer un foro de traballo entre a rede de técnicos deportivos municipais.
A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, asistiu hoxe á última xornada do curso onde ratificou a aposta da Xunta por unha Galicia “activa, deportiva e saudable”. Neste sentido lembrou a importancia do Plan Galego para o Fomento da Actividade Física Galicia Saudable que nace para facer fronte ao gran desafío da saúde pública de comezos do século XXI, o aumento das enfermidades causadas pola inactividade.
Tras recoñecer a importancia dos concellos galegos dentro “dunha gran rede rede de institucións, entidades e persoas que poñan en común o seu traballo á fronte do deporte de Galicia”, Marta Míguez destacou a plataforma DAFIS que xa leva realizadas máis de 12.000 valoracións dos rapaces e rapazas galegos coa participación de 52 centros educativos, conseguindo metas tan importantes como o descenso dun punto da taxa de obesidade No alumnado de Friol (Lugo) ou o descenso de 2 puntos na taxa de obesidade e sobrepeso no alumnado de Teis (Vigo).
- Te recomendamos -