Inicio Galicia A exposición ?María Victoria Moreno. Paisaxes e personaxes? viaxa á biblioteca pública...

A exposición ?María Victoria Moreno. Paisaxes e personaxes? viaxa á biblioteca pública da Coruña Miguel González Garcés

0

A mostra, coordinada por David Pintor, afonda a través da ilustración no universo literario da autora homenaxeada coas Letras Galegas 2018

A mostra María Victoria Moreno. Paisaxes e personaxes, o proxecto expositivo itinerante co que a Xunta de Galicia lle rende tributo á autora homenaxeada polas Letras Galegas 2018, chega á Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés. Logo de seu paso pola capital de Galicia e por Pontevedra, a exposición permanecerá na cidade herculina ata o 11 de xuño, para despois continuar a súa viaxe polas catro provincias galegas, con paradas en Vigo, Lugo, Ourense, Ferrol, Sanxenxo, Ordes, Vilalba e Celanova ata finais de ano.

No acto de presentación da mostra, que tivo lugar lugar esta mañá na biblioteca coruñesa, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou a satisfacción que supón este proxecto “porque é unha maneira de contribuír a dar a coñecer a María Victoria Moreno, unha muller que demostrou en todos os ámbitos da súa vida, como docente, como investigadora, como escritora e como persoa, un compromiso insubornable coa nosa lingua, que adoptou como propia”.

A exposición convida a descubrir o universo literario da autora a través de ilustracións dos personaxes principais e dos escenarios de oito dos seus libros, que foron creadas para a ocasión por outros tantos ilustradores e ilustradoras galegos, o que fai dela “unha pequena pero representativa mostra do panorama da ilustración contemporánea en Galicia”. Coordinada por David Pintor, os artistas Nuria Díaz, Lucía Cobo, Xan López Domínguez, Jacobo F. Serrano, Jacobo Muñiz, Mari Fe Quesada, Bea Lema e Dani Padrón foron os responsables da recreación das paisaxes e das personaxes que lle dan título á mostra.

No acto tamén participaron a directora da biblioteca Miguel González Garcés, Marisol González Regal; o coordinador da mostra, David Pintor, e dúas das ilustradoras, Lucía Cobo e Bea Lema.

Recreando paisaxes e personaxesA mostra, promovida pola Consellería de Cultura e Educación, a través da secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, e mais do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, está coordinada por David Pintor, humorista gráfico, ilustrador e pintor coruñés. Pintor é tamén o autor da imaxe central da mostra, que, no seu conxunto, se basea no diálogo gráfico de oito ilustradores galegos de prestixio con outras tantas obras de María Victoria Moreno: O cataventos, A festa no faiado, Anagnórise, Mar adiante, Un cachiño de bica, Guedellas de seda e liño, Leonardo e os fontaneiros e A brétema.

Cada un dos artistas creou nun panel dúas ilustracións alusivas á personaxe principal da historia e mais ao escenario no que se desenvolve a historia e que se completa cun fragmento da obra correspondente. A exposición contén, ademais, tres paneis biobibliográficos e dúas vitrinas nas que se ofrece unha escolma de obxectos persoais da escritora, como a súa primeira máquina de escribir, unhas lentes que levou durante anos, o manuscrito da obra O cataventos e diversos libros que lle foron dedicados á autora por escritoras e escritores amigos seus, como Xesús Alonso Montero, Fina Casalderrey, Fiz Vergara Vilariño ou Ursula Heinze.

Finalmente, a exposición acompáñase dun cuadríptico, que está accesible en liña, xunto cos paneis da mostra aquí.

María Victoria Moreno, pioneira da LIXLicenciada en Filoloxía Románica, María Victoria Moreno (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1939 – Pontevedra, 2005) chegou a Galicia no ano 1963 como profesora. Unha década máis tarde, en 1973, publica Mar adiante, considerada unha das obras pioneiras da literatura infantil galega. Ata o seu pasamento, a escritora estivo comprometida co ensino da lingua e da cultura galegas. Cultivou a narrativa –nomeadamente a infantil e xuvenil (LIX)–, o ensaio, a poesía, os estudos literarios e a didáctica da lingua e da literatura galegas.


- Te recomendamos -