Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, na presentación desta iniciativa do seu departamento
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, presentou hoxe a Estratexia para atención ás persoas en situación de cronicidade, coa que se pretende, por medio dunha implantación progresiva, mellorar a atención sanitaria e social das persoas con patoloxías crónicas, coa inclusión de cada unha delas nun programa de atención á cronicidade e coa designación dun profesional ou equipo, que será o interlocutor tanto para o pacientes como para os seus familiares, durante calquera fase do proceso asistencial.
Este referente asistencial será un profesional de enfermería ou un facultativo segundo a complexidade da patoloxía. Unha vez asignado o profesional de referencia, éste realizará unha avaliación de necesidade personalizada, na que se terá en conta a situación social e sanitaria do paciente así como a súa dispoñibilidade de servizos.
Esta iniciativa ten presente a incidencia das diferentes situacións de cronicidade, comezando a súa aplicación por aquelas máis prevalentes e polos pacientes afectados por varias condicións crónicas. Nunha primeira fase, a estratexia iniciarase cos pacientes inmovilizados, entendendo que neste grupo están aqueles en situación de vulnerabilidade. O Sergas calcula que en Galicia hai 20.948 personas nesta situación.
Segundo remarcou Almuiña, trátase de ter en conta non só a historia clínica do paciente crónico senón, tamén, a súa historia vital. E ese é o ben específico que achega a atención primaria de saúde: o coñecemento do paciente na súa contorna.
O innovador camiño que propoñemos, -dixo o conselleiro-, baséase na intervención integrada dos servizos sanitarios e sociais, cunha atención primaria, hospitalaria e uns servizos sociais interdependentes. É necesario, -proseguiu-, desenvolver formas máis colaborativas e coordinadas, deixando de xestionar estruturas e aprendendo a xestionar sistemas integrados de saúde baseados na continuidade asistencial.
Segundo o máximo responsable sanitario, con esta presentación de hoxe, Sanidade abre unha nova etapa na atención ao paciente crónico baseada na continuidade nos coidados, a proactividade do sistema e a corresponsabilidade do paciente.
Tamén remarcou Almuiña que o documento presentado é froito dunha reflexión organizada, baseada na experiencia e o coñecemento da atención a estes pacientes. No proceso de desenvolvemento revisáronse as distintas experiencias innovadoras que tanto a nivel nacional como internacional pretenden dar resposta ao reto da cronicidade.
Para todos os participantes nos grupos de traballo que se desenvolveron para realizar a Estratexia, así como para ás sociedades científicas e asociacións de pacientes que fixeron chegar as súas suxestións, o conselleiro tivo palabras de agradecemento.
Sistema sanitario proactivo e paciente participativoOutra das grandes novidades é a elaboración dun plan individualizado de atención integral (PIAI), consensuado co paciente e as persoas encargadas do seu coidado, que recollerá os plans terapeúticos, así como os obxectivos asistenciais que suxira o profesional de referencia e os que suxira o propio paciente ou os seus coidadores. Isto é, por primeira vez, cóntase co paciente de forma real no proceso de toma de decisións. O persoal de referencia asignado ao paciente será o encargado da xestión, seguimento e avaliación do PIAI.
A estratexia da cronicidade busca a implantación dun modelo de atención baseado nun sistema sanitario que sexa máis proactivo, é dicir, que os profesionais sanitarios teñan identificados aos pacientes crónicos e realicen contactos de forma preventiva adiantándose ás patoloxías crónicas. Ademais a estratexia está baseada tamén nun paciente activo e participativo: permitindo a toma de decisións compartidas no seu plan individualizado e facilitando a corresponsabilidade no seus coidados.
A continuidade asistencial é outro dos grandes eixes da estratexia. Nesta liña, as actuacións están dirixidas a acadar unha atención integral coordinando a atención social e sanitaria, incidindo especialmente en mellorar as transicións das persoas con patoloxías crónicas entre o centro de saúde e o centro hospitalario. Con esta estratexia preténdese evitar que as persoas con patoloxías progresen cara estadíos máis complexos da enfermidade, manter o estado funcional do paciente axustado ás súas condicións de vida actuais, e diminuír a morbi-mortalidade prematura e evitable.
- Te recomendamos -