Os premios Best in Class teñen como obxectivo recoñecer públicamente a excelencia sanitaria
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade vén de acadar o premio Best in Class (BIC) na categoría de Mellor plan en saúde pública das Comunidades autónomas.
O galardón concedouse tras unha valoración ponderada de diferentes aspectos e fundamentalmente polos distintos programas que ten implementados na actualidade a Dirección Xeral de Saúde Pública. Entre eles cómpre destacar os máis de 25 anos do Programa galego de detección precoz do cancro de mama, ter rematado a extensión a toda Galicia do Programa galego de detección precoz do cáncro de colorrectal, o Plan galego de loita contra o VIH-SIDA, o Programa galego de prevención e vontrol da Tuberculose, o calendario galego de vacinación infantil e do adulto e o Plan de control oficial da cadea alimentaria en Galicia. Ademais tivéronse en conta os distintos programas de sanidade ambiental como o Plan de vixilancia sanitaria da auga de consumo humano ou o Plan Xermola, de prevención da obesidade infantil en Galicia, entre outros.
Segundo Andrés Paz-Ares, director xeral de Saúde Pública, “o premio é un recoñecemento significativo e importante ao labor e ao esforzo realizado polos case 800 traballadores dedicados a saúde pública, entre o persoal dos servizos centrais e os das xefaturas territoriais e ademais será un acicate para seguir traballando na mesma senda”. Dende a Dirección Xeral de Saúde Pública se quere seguir apostando pola calidade, para conseguir a excelencia na protección e prevención da saúde da poboación galega.
Os premios Best in Class teñen como obxectivo recoñecer publicamente a excelencia sanitaria. Estes galardóns cumpren este ano a súa decimoterceira edición, constituindo un recoñecemento sanitario de primeiro nivel no que a calidade e excelencia da sanidade se refire.
- Te recomendamos -