Inicio Galicia A cuarta edición do programa Conecta Peme mobilizará na Coruña e comarca...

A cuarta edición do programa Conecta Peme mobilizará na Coruña e comarca 7,3M? en proxectos que impulsan a innovación e nos que participan 34 empresas

0

A convocatoria deste ano permitirá o desenvolvemento de 37 iniciativas na área coruñesa cun investimento público de 4M€


O delegado territorial da Xunta de Galicia, Ovidio Rodeiro, visitou, está mañá, a empresa Health in Code unha das beneficiarias da cuarta edición do programa Conecta Peme que, nesta convocatoria, mobilizará en Galicia máis de 47M€ en 54 proxectos de innovación empresarial. Na comarca da Coruña financiaranse 32 empresas para desenvolver 37 proxectos cun investimento público de 4M€ que suporán unha mobilización total de 7,3M€.

Segundo informou o representante do goberno autonómico, “este entidade puido levar a cabo un proxecto orientado á creación dunha plataforma de xestión global para a análise de estudios xenéticos e interpretación clínica dos seus resultados”.

Ovidio Rodeiro, sinalou que “o obxectivo desta iniciativa é incrementar a I+D+i empresarial en Galicia para o que se primou na selección dos proxectos o novidoso das tecnoloxías xeradas e a súa capacidade para poñer no mercado novos produtos e solucións que supoñan un avance significativo ou un alto impacto económico”. Na provincia da Coruña esta orde de axudas chegará a 90 empresas cun investimento público de 11,4M€ para mobilizar un total de 20,3M€.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), destina nesta convocatoria un 8% máis de orzamento que na anterior. Os proxectos están relacionados co desenvolvemento experimental, con potenciar a Industria 4.0 a través de proxectos de innovación en materia de organización e proxectos, e coa investigación industrial. As iniciativas aprobadas desenvolveranse ata o 2020 e executaranse nun prazo de 2 ou 3 anos.

Entre as novidades desta convocatoria destacaron, ademais do incremento do orzamento, a simplificación de trámites, a especial valoración da contratación de persoal e do potencial en canto a viabilidade e rendibilidade dos proxectos, así como o fomento dunha maior concorrencia para evitar a concentración de axudas nunha mesma empresa.

O delegado territorial puntualizou que “esta orde de axudas está dirixida a proxectos que contan cun orzamento de entre 500.000 euros e 1,5 millóns e que pretende estimular a innovación das pemes galegas para fortalecer a competitividade do tecido empresarial galego”. Este obxectivo se acada “a través da cooperación entre os diferentes axentes, xa que cada proxecto conta coa participación de entre tres e seis empresas e pode incluír unha grande empresa”, puntualizou. Ademais, optimízase o acceso ao financiamento ás pemes galegas, favorécese a transferencia de coñecemento ao mercado e foméntase a creación de emprego cualificado.

Desde a súa posta en marcha, no ano 2013, este programa está a mobilizar 150M€ en 187 proxectos de cooperación nos que están a participar 433 empresas –o 95% pemes– e 81 centros tecnolóxicos e de investigación que están xerando a creación de 530 empregos. Este programa compleméntase con Interconnecta que, desde 2011, tamén está a favorecer o desenvolvemento de 172 proxectos –que contan cun orzamento superior aos 1,5 millóns de euros– entre grandes consorcios de empresas e centros de coñecemento coa participación de 565 empresas galegas. 


- Te recomendamos -