Inicio Galicia A Coral de Ruada recibe o XXXVI Premio Trasalba nun acto literario...

A Coral de Ruada recibe o XXXVI Premio Trasalba nun acto literario e musical celebrado na Casa Grande de Cimadevila

0

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, asistiu á entrega e felicitou aos compoñentes da formación, que celebra este ano o seu centenario

A Coral de Ruada recibiu na tarde de hoxe o XXXVI Premio Trabalba nun acto literario e musical celebrado na Casa Grande de Cimadevila, sede da Fundación Otero Pedrayo, que concede o galardón. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, acompañou os compoñentes da formación, que cumpre o seu centenario neste 2018, e felicitounos por facerse acredores de tan alta distinción.

A Coral de Ruada é o segundo colectivo, tras Milladoiro, galardoado co Trasalba e foi escollida nesta edición do premio por ser un exemplo do esforzo “eficaz, xeneroso e desinteresado, mantido ao longo dun século, por centos de homes e mulleres que a integraron”. A formación leva cen anos impulsando a música, o canto e o baile, cun compromiso estable, contribuíndo á creación dunha identidade musical culta de raíz fondamente popular. Segundo a Fundación Otero Pedrayo, da que a Consellería de Cultura e Educación forma parte, a Coral de Ruada “proxectou un sentimento de orgullo polo propio e unha positiva identificación colectiva” tanto nas súas actuacións en Galicia como nas terras da emigración e tamén coa súa ampla discografía.

O acto literario tivo lugar no auditorio da Casa Grande de Cimadevila, despois da reunión do Padroado da Fundación Otero Pedrayo. Tras a laudatio que Miguel Anxo Seixas Seoane fixo da coral centenaria, presentouse o libro-CD A Coral de Ruada e entregouse formalmente o premio, que agradeceu o director da formación, Samuel Lago. A lectura das palabras de Ramón Otero Pedrayo remataron a parte literaria do acto, que contou despois cunha actuación dos premiados e que se pechou cun encontro de amizade no patio da Casa Grande de Cimadevila.

Un prestixioso premioO Premio Trasalba, que outorga a Fundación Otero Pedrayo, institúese no ano 1983 e nace para destacar o vencello, directo ou indirecto, coa figura e os ideais do Patriarca das letras galegas. Progresivamente foi evolucionando cara ao recoñecemento dun personaxe referente na cultura galega. A proposta do premiado sae da Xunta de Goberno da Fundación, logo da consultar aos membros do Plenario e mesmo de recibir iniciativas da sociedade civil. A Xunta de Goberno comunícallo ao Padroado para o seu apoio.

O ano pasado o galardón foille concedido ao filósofo Carlos Baliñas Fernández. Ao longo da súa historia foron tamén distinguidos con este prestixioso premio persoeiros como Isidro Parga Pondal, Isaac Díaz Pardo, Xosé Neira Vilas, Antía Cal ou Cristina Pato, entre outros.


- Te recomendamos -