O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que se investiron 20.400 euros nestas actuacións de prevención contra os lumes acometidas durante o verán
A Consellería do Medio Rural executou obras de mellora en 14 pasos de auga e varios tramos de pista en montes de Burela e de Viveiro, acometidas no marco dos traballos de prevención contra incendios.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que o Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais da Delegación Territorial investiu 20.400 euros nestes traballos.
En concreto, no monte de Burela arranxáronse cinco pasos de auga para evitar o deterioro das pistas. No concello de Viveiro, actuouse sobre 1,3 quilómetros de pistas e nove pasos de auga nos montes de Landrove, Galdo, San Pedro de Viveiro e Magazos. Os traballos forman parte do conxunto de actuacións que leva a cabo a Consellería nos montes de titularidade privada -na súa maioría en man común- que son de xestión pública en virtude dun acordo subscrito polos propietarios coa Xunta.
O obxectivo, sinalou Balseiro, “é ordenar os bosques e dotalos de infraestruturas axeitadas que favorezan o aproveitamento por parte dos propietarios, impulsando explotacións forestais viables que se consoliden como alternativa de renda á agricultura”.
- Te recomendamos -