Inicio Galicia A Consellería do Medio Rural destinará preto de 60.000 euros ao arranxo...

A Consellería do Medio Rural destinará preto de 60.000 euros ao arranxo da pista que une os concellos de Sobrado e Melide

0

A obra de pavimentación desta vía está enmarcada dentro do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) que ten este departamento autonómico


Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2018.- A Consellería do Medio Rural destinará preto de 60.000 euros ao arranxo da pista que une os concellos coruñeses de Sobrado e Melide, a través dunha actuación enmarcada no Plan de Infraestruturas Rurais (PIR). Así llo trasladou a conselleira, Ángeles Vázquez, á portavoz da oposición no concello de Sobrado, María Jesús García, nun encontro celebrado en San Caetano.

A titular de Medio Rural explicou que obra consistirá na pavimentación da pista de Grandemea ao límite municipal con Melide e que contará cun orzamento global de 59.960 euros, a executar nos anos 2018 e 2019, a razón de 29.980 euros por exercicio.

En total, para o conxunto de Galicia, a Xunta destinará un total de 2,7 millóns de euros para financiar a convocatoria do PIR en 65 concellos de toda a comunidade. Esta iniciativa ten importantes beneficios sobre os cidadáns, xa que supón o arranxo e renovación de todo tipo de infraestruturas no agro (camiños rurais, pontóns e pontes e instalacións de subministro, entre outras) que permiten mellorar as condicións de vida da poboación nos núcleos rurais. As actuacións intégranse na estratexia global da Xunta para contribuír á fixación da poboación do rural e facilitar o seu asentamento e dinamización.  


- Te recomendamos -