Inicio Galicia A Consellería do Medio Rural destina máis de 2 millóns de euros...

A Consellería do Medio Rural destina máis de 2 millóns de euros para a promoción do viño en terceiros países no período 2019-2020

0

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a correspondente convocatoria, cun prazo de presentación de solicitudes aberto ata o día 14 de xaneiro de 2019

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a Orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países (fóra da UE) e se convocan para o ano 2019. A dotación destas axudas é dun total de 2,18 millóns de euros para o período 2019-2020, a razón de 1,18 millóns de euros para o ano 2019 e 1 millón para o 2020.

Así, poden acollerse a estas subvencións as empresas vinícolas, as organizacións de produtores, os órganos de xestión e de representación das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas de viño e as entidades de exportación participadas exclusivamente por empresas deste sector.

Tamén se poderán beneficiar destas achegas as entidades asociativas sen ánimo de lucro participadas exclusivamente por empresas do sector vitivinícola que teñan entre os seus fins a promoción exterior dos viños e as cooperativas que comercializan viños elaborados por elas ou polos seus asociados.

As accións e actividades de promoción que se poden desenvolver ao abeiro destas achegas son todas aquelas nas que se dean a coñecer as características dos viños con denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida, así como os viños varietais. Entre as accións promocionais, destacan campañas publicitarias, misións comerciais, promocións en puntos de venda, catas, feiras, presentacións de produto, xornadas, seminarios, degustacións, etc.

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria comeza mañá e prolongarase ata o vindeiro 14 de xaneiro de 2019. Os gastos subvencionables serán os realizados entre o 1 de maio de 2019 e o 30 de abril de 2020.


- Te recomendamos -