O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, visitou unha empresa que recibiu unha axuda para ampliar instalacións e un obradoiro de cociña vexetariana que obtivo apoio para iniciar a súa actividade
A Consellería do Medio Rural destina 175.200 euros a financiar tres proxectos no concello de Xermade a través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terra Chá. Mediante estas achegas, o Goberno galego impulsa a posta en marcha ou ampliación de dúas empresas, así como a rehabilitación de elementos etnográficos na ruta do Batán para formar parte dun centro de interpretación.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, desprazouse hoxe ao municipio para coñecer da man dos seus promotores as iniciativas beneficiarias dos investimentos produtivos, que supoñen a ampliación dunha empresa adicada á construción de estruturas de madeira para exteriores, así como a posta en marcha dun obradoiro de cociña vexetariana.
Balseiro apuntou que, en suma, o Goberno galego achega arredor do 44% do investimento global nestes dous proxectos, que ascende a 255.800 euros. Segundo afirmou o delegado, os investimentos produtivos do GDR “contribúen á diversificación da economía local e á creación emprego” e salientou a importancia de que a Administración destine recursos a estimular o emprendemento “para reforzar o tecido económico e empresarial no medio rural”.
O delegado visitou as instalacións de Xardinor, que investiu 236.300 euros en realizar unha ampliación mediante a construción dun secadeiro de madeira e unha nave para almacenamento. A cantidade subvencionada ascende a 102.206 euros -o 43% do importe- e o promotor consolida sete postos de traballo.
O GDR concedeu así mesmo unha axuda para o inicio da actividade de Sen Sucre, un obradoiro de cociña vexetariana con reparto a domicilio e a través de puntos de venda. Esta iniciativa recibiu unha achega de 9.780 euros -o 50% do investimento- para adecuar un local e dotalo do equipamento necesario.
Balseiro lembrou que os GDR financian tamén proxectos non produtivos, que redundan na mellora dos servizos do medio rural e na calidade de vida dos seus veciños e veciñas. No caso de Xermade, subvenciónase o 79% do orzamento da rehabilitación de elementos etnográficos para a súa posta en valor nos lugares de Folgoso, Orxás e O Vieiro (da parroquia de Lousada). Son todas elas construcións singulares e vinculadas á auga. En concreto, estanse a executar as obras de recuperación dos muíños de Folgoso e de Orxás. Tamén se prevé restaurar dous batáns en Folgoso, unha moa en Orxás e a planta de luz de Vieiro. A Consellería do Medio Rural achega 63.200 euros a este proxecto a través do GDR.
- Te recomendamos -