Portos de Galicia desenvolverá este ano actuacións nos portos de Pontedeume, Sada, Camariñas, Aguiño e O Freixo
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, levará a cabo nas vindeiras semanas unha nova fase do plan de limpeza de dársenas na provincia da Coruña. Así o confirmou esta mañá o presidente do ente público, José Juan Durán, nunha rolda de prensa celebrada na sede do organismo na Coruña para presentar esta proposta orientada a impulsar peiraos sustentables a través da retirada de residuos dos fondos mariños.
Durán Hermida destacou que a experiencia acumulada nos anos anteriores indica a necesidade de continuar con esta iniciativa que permite retirar dos fondos mariños residuos materiais que nunca deberon chegar ao mar. Ante esta necesidade, Portos de Galicia desenvolverá este ano actuacións nos portos de Pontedeume, Sada, Camariñas, Aguiño e O Freixo (Outes).
O presidente de Portos de Galicia engadiu que o ente público leva a cabo este tipo de actuacións con carácter regular para mellorar á seguridade nas augas interiores e impulsar a protección da fauna mariña, que pode ser afectada seriamente pola acumulación de residuos nos fondos mariños. Deste modo refórzase a sustentabilidade ambiental dos peiraos de titularidade autonómica, unha das liñas de traballo estratéxicas do ente público.
A limpeza das dársenas implica a recollida selectiva de obxectos do fondo mariño dentro das augas interiores do porto. Non se trata dunha dragaxe, senón da recollida de residuos, que se atopan no leito mariño producidos pola caída accidental dos mesmos ou por outras razóns. Con esta acción preténdese sumar á limpeza en terra a limpeza no fondo do mar e mellorar ademais a imaxe das instalacións.
O equipo de traballo que se encargará da limpeza nas dársenas da Coruña está formado por entre tres e cinco mergulladores e como medios mecánicos contarán cun barco con grúa. Ademais a empresa estará coordinada en terra coa encargada da limpeza de Portos de Galicia, que terá preparados os contedores para o depósito dos residuos en terra e realizará a súa xestión selectiva.
Pola experiencia levada a cabo nos pasados anos, entre os residuos que se acumulan nos fondos mariños, atópanse diversos obxectos de medianas e grandes dimensións, como restos de embarcacións, rodas das defensas dos peiraos, cadeas, cabos, e ata elementos de tipo doméstico. Ademais, nas limpezas anteriores retiráronse restos da propia actividade portuaria que accidentalmente acaban no fondo do mar, como son caixas de peixe ou cabos desprendidos de embarcacións atracadas no peirao.
- Te recomendamos -