Inicio Galicia A Consellería do Mar anima a xente do sector da pesca para...

A Consellería do Mar anima a xente do sector da pesca para que se involucren na participación nas próximas eleccións ás confrarías

0

A Consellería do Mar levou a cabo un acto hoxe no que as patroas e patróns maiores de varias confrarías galegas tiveron oportunidade de debater sobre os cambios logrados e os retos do sector para os próximos anos, entre os que se atopa a redución das desigualdades por razón de xénero

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo, animou hoxe aos homes e mulleres do sector pesqueiro galego, e de forma especial ás mulleres, para que participen activamente e se presenten aos órganos directivos das confrarías galegas nas vindeiras eleccións que terán lugar no mes de setembro. A directora xeral anunciou que esta mesma semana sairá publicada a orde de convocatoria dos comicios das confrarías e convidou á participación de todo o sector.

Susana Rodríguez Carballo pechou esta tarde en Santiago de Compostela un acto ao que asistiron un cento de socios e socias das confrarías galegas, durante o cal puxo en valor o traballo realizado polas mulleres no sector da pesca. Non obstante, a directora xeral lamentou a escasa presenza de mulleres nos órganos de dirección, concretamente nas confrarías, e animou a poñer fin a esta situación promovendo “unha maior participación de mulleres nas vindeiras eleccións”. “Trátase dunha cita importante, non só porque supón catro anos para participar nas decisións importantes do ámbito pesqueiro que se van a tomar tanto a nivel galego, nacional ou europeo, senón tamén pola oportunidade que se abre para que as mulleres da pesca sigan avanzando en visibilidade e revalorización do seu traballo”, apuntou. O acto tivo lugar no Hotel Oca Puerta del Camino e nel déronse cita socios e socias chegados das diferentes confrarías de Galicia, que tiveron a oportunidade de intercambiar experiencias e opinións sobre os vindeiros catro anos así como sobre as dificultades coas que se atopan as mulleres no ámbito da pesca. Conducido pola xornalista Aida Bao, no acto participaron a patroa maior da Confraría de Pescadores de Ferrol; Isabel Maroño; a patroa maior da Confraría de Pescadores de Arcade e presidenta de ANMUPESCA, Rita Miguez; o patrón maior da Confraría de Pescadores de A Coruña, Felipe Canosa; o patrón maior da Confraría de Pescadores Illa de Arousa, José Rial e o vicepatrón da Confraría de Arcade, Luís Miguel Loira. 


- Te recomendamos -