Inicio Galicia A Consellería de Sanidade e o Concello de Lalín asinan o convenio...

A Consellería de Sanidade e o Concello de Lalín asinan o convenio de colaboración para a construción do futuro centro integral de saúde

0

Coa rúbrica deste documento, o departamento autonómico da un paso máis cara a materialización dunha infraestrutura necesaria e que redundará nunha mellor atención sanitaria á veciñanza


O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o alcalde de Lalín, Rafael Cuiña Aparicio, asinaron esta mañá o convenio de colaboración que establece os compromisos para avanzar na execución das obras de construción do futuro Centro Integral de Saúde (CIS) de Lalín. A sinatura deste documento, xunto coa cesión da parcela, son os dous requisitos imprescindibles e necesarios para proceder á contratación do proxecto básico e do proxecto de execución da obra. A sinatura do devandito convenio tamén resulta esencial para que cada unha das partes asinantes asuma as obrigas necesarias de cara a posta en marcha dun proxecto que preste unha atención máis especializada na comarca do Deza.

O departamento sanitario autonómico considera necesario dar unha mellor resposta aos problemas de saúde dos veciños de Lalín, en particular, e da comarca do Deza, en xeral, mediante unha máis rápida atención asistencial ao cidadán. Este obxectivo materialízase na construción do Centro Integral de Saúde en Lalín, unha infraestrutura que acollerá ao actual centro de saúde e as instalacións sanitarias autorizadas no plan funcional, entre elas a incorporación da hemodiálise e a hospitalización a domicilio.

En base ao convenio asinado hoxe, o Concello de Lalín asume, entre outros compromisos, a cesión ao Sergas dos terreos onde se situará o futuro CIS e facilitará os trámites patrimoniais e urbanísticos necesarios a fin de posibilitar a devandita cesión. Tamén asumirá todos os gastos necesarios para dotar á parcela das infraestruturas necesarias (accesos rodados e peonís, abastecemento de auga, saneamento, subministración eléctrica, alumeado, telefonía, aparcamento, etcétera) e a exención do imposto sobre bens e inmobles.

Pola súa banda, o Sergas comprométese á elaboración, supervisión e aprobación do proxecto técnico con cargo aos seus orzamentos, así como a contratar, dirixir e executar as obras con cargo aos seus orzamentos. Neste contexto, o Concello de Lalín deberá facilitar toda a documentación necesaria para a redacción do proxecto de obras, incluídas as licencias e demais permisos urbanísticos ou de obras que sexan necesarios. O Sergas tamén se fará cargo do pago das taxas de licenzas e imposto e solicitará para as obras do CIS ao pleno de Lalín a declaración de especial interese ou utilidade pública.

Plan funcionalO Plan funcional de espazos do CIS de Lalín, presentado o pasado mes de febreiro, prevé incorporar entre outros programas a Hospitalización a domilicio (HADO). Preténdese que este programa se implante progresivamente e que, en varias fases, chegue a abarcar gran parte do Concello de Lalín e dos municipios de Silleda e de Dozón, cunha poboación de preto de 35.000 habitantes. Tamén contempla a creación dun centro integral de hemodiálise que preste servizo á poboación da comarca do Deza e da unidade de atención primaria de Vila de Cruces.

Outras das novidades recollidas no devandito plan funcional son os programas de cirurxía menor ambulatoria, de enfermidades musculoesqueléticas, de rehabilitación cardíaca, a incorporación dun programa de atención a pacientes crónicos pluripatolóxicos, de rehabilitación de solo pélvico e outro de radiodiagnóstico e ecografía.

Dentro dos novos espazos presentes no Plan funcional do Centro Integral de Saúde de Lalín haberá áreas integrais de especialidades médicas, atención pediátrica, hospitalización a domicilio, atención á muller, rehabilitación, telemedicina, diagnóstico pola imaxe e hemodiálise.


- Te recomendamos -