A situación está relacionada coas altas temperaturas que está a rexistrar a comunidade debido á vaga de calor
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de constatar a través da súa rede de estacións un aumento dos niveis de ozono na metade sur de Galicia ata superar o limiar de información á poboación que se establece no real decreto relativo á mellora da calidade do aire.
Este aumento dos niveis de ozono na atmósfera está relacionado coa situación anticiclónica e as altas temperaturas que está a experimentar a comunidade desde o xoves con motivo da vaga de calor. Esta situación pode provocar afeccións sobre a calidade do aire na zona sur da comunidade, nun total de 119 concellos das provincias de Ourense, Pontevedra e A Coruña (axúntase pdf coa relación de municipios).
Tal e como establece o protocolo de actuación en situacións excepcionais de contaminación atmosférica en Galicia, defínense dous niveis de actuación en función dos valores que se acaden. Así, o nivel 1 de información á poboación actívase no momento en que se supera o valor horario máximo de 180 ?g/m3, mentres que o nivel 2 de alerta activaríase unha vez superado o limiar de 240 ?g/m3 nunha hora.
Concretamente, o limiar de información para ozono superouse ás 15 horas na Estación de Control da Calidade do Aire de Campelo, situada na localidade de Poio, e ás 17 horas Estación de Calidade do Aire de Ponteareas, situada en Ponteareas.
Segundo as estimacións de MeteoGalicia, a duración da superación dos niveis de información de ozono prolongarase ata as 22.00 horas de hoxe. E de cara aos próximos días, a previsión é de estabilización durante as xornadas do sábado e o domingo, e de mellora o luns.
Recomendacións á poboaciónAínda que toda a poboación no seu conxunto é potencialmente sensible a este episodio, os grupos de risco ou a poboación máis vulnerable son os nenos, anciáns, nais xestantes, así como aqueles adultos que padezan enfermidades respiratorias ou cardiovasculares.
Por este motivo e mentres os niveis de ozono se manteñan por riba do limiar de información, recoméndase que as persoas sensibles, é dicir, nenos, anciáns e persoas con enfermidades respiratorias (asma, EPOC, alerxias e outras), reduzan a exposición prolongada, evitando as actividades ao aire libre; e en xeral, que todas as persoas limiten as actividades ao aire libre de forma prolongada, evitando os exercicios deportivos durante as horas do mediodía e da tarde.
Os técnicos da rede de calidade do aire da Xunta permanecerán alerta durante todo o episodio, comprobando en tempo real a validez dos datos emitidos polos analizadores situados por toda Galicia.
Pode manterse informado da evolución dos niveis na páxina web http://www.meteogalicia.gal/Caire e das recomendacións sanitarias na páxina de sanidade http://www.sergas.es/Saude-publica.
Por último, cómpre lembrar que as alertas por mala calidade do aire xeradas por institucións non oficiais, deben ser tomadas sempre con prudencia. No caso das alertas relacionadas coa saúde, débense seguir sempre as indicacións dos organismos oficiais.
- Te recomendamos -