Os galardóns apoian a excelencia creativa nos campos das Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca hoxe unha nova edición dos Premios da Cultura Galega, uns galardóns que teñen por obxecto apoiar o labor creativo en Galicia e a súa expansión nos novos espazos que se abren na actualidade en diferentes ámbitos.
As oito modalidades convocadas son as de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior e as institucións e entidades culturais ou profesionais relacionadas con cada unha delas poden presentar as candidaturas ata o día 24 de xullo. A principal novidade deste ano é que, na data de formalización da candidatura, as persoas propostas teñen que estar vivas e os colectivos e entidades obxecto das candidaturas deben ter actividade.
O xurado que vai valorar as propostas estará presidido polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e contará con representación do Consello da Cultura Galega; das universidades do SUG, nesta edición da Coruña (en representación rotatoria das universidades galegas); da Real Academia Galega, da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, das secretarías xerais de Cultura e da Igualdade e de catro persoas de recoñecido prestixio no eido da cultura, designadas pola Consellería de Cultura.
En cada unha das modalidades, os Premios da Cultura Galega concederán un único galardón e non poderá recaer máis dun recoñecemento na mesma persoa. O premio consiste nunha escultura ou peza conmemorativa realizada por un artista galego de recoñecido prestixio e nun diploma acreditativo.
As bases completas poden consultarse no seguinte enlace: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180524/AnuncioG0164-160518-0001_gl.htmlRecoñecemento á excelencia creativaOs Premios da Cultura Galega recoñecen a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia. Na edición de 2017, na que se recibiron preto de 40 candidaturas, os galardoados foron Mabel Rivera, en Artes Escénicas; Berta Álvarez Cáccamo en Artes Plásticas; Óliver Laxe en Audiovisual; Xohana Torres, en Letras; Proxecto Apego en Lingua; Uxía en Música; a Fundación Rosalía de Castro en Patrimonio Cultural e Cristina Pato en Proxección Exterior
- Te recomendamos -