Inicio Galicia A conselleira do Medio Rural viaxa mañá a Bruxelas como representante das...

A conselleira do Medio Rural viaxa mañá a Bruxelas como representante das autonomías no Consello de Ministros da UE

0

Ángeles Vázquez defenderá os intereses dos gandeiros e agricultores españois diante da reforma da PAC, cumprindo así o mandato recibido pola nosa comunidade no seo da Conferencia Sectorial de Agricultura

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, asistirá mañá en Bruxelas ao Consello de Ministros de Agricultura da Unión Europea en representación das comunidades autónomas españolas. A titular de Medio Rural acompañará ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, neste foro, asumindo así a responsabilidade de defender os intereses das autonomías de acordo co mandato recibido na última Conferencia Sectorial de Agricultura. Esta representación por parte galega estenderase ao longo de todo o segundo semestre de 2018.

Antes de viaxar á capital comunitaria, Ángeles Vázquez trasladou ao resto de comunidades autónomas españolas a súa plena disposición para traballar coa máxima intensidade e dedicación diante dos retos e negociacións que se presentan en Europa, especialmente en relación coa Política Agrícola Comunitaria (PAC).

Amosouse, ademais, disposta a defender os intereses dos gandeiros e agricultores para que a nova PAC dea resposta ás súas necesidades e lembrou que Galicia é líder no sector lácteo a nivel nacional, xa que produce arredor do 40% do leite e reúne ao 52% das explotacións gandeiras, polo que aporta máis da metade do total de gandeiros. ObxectivosEntre os obxectivos a defender en Bruxelas está tamén o de conseguir un orzamento suficiente para afrontar os retos da agricultura para o período 2021-2027, cun financiamento 100% comunitario para o primeiro piar da PAC. Desde o Goberno galego enténdese, así mesmo, que a PAC debe contribuír a mellorar a vertebración sectorial a través da creación de organizacións de produtores e apostar por unha cadea alimentaria máis equilibrada que contribúa a reforzar a posición dos produtores. A maiores, Galicia reclamará incentivos para os agricultores mozos que garantan o relevo xeracional, dado o éxito que ademais está demostrando na nosa comunidade con máis de mil persoas incorporadas á actividade agraria nos últimos dous anos.


- Te recomendamos -