Inicio Galicia A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade informa o alcalde de Monforte da...

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade informa o alcalde de Monforte da proposta trasladada ao Goberno de España para dar unha solución viable ao problema de depuración

0

A Xunta solicitoulle ao Ministerio para a Transición Ecolóxica que destine ao plan de saneamento de Monforte parte dos fondos europeos que non se poderán gastar no prazo obrigado na depuradora de Santiago de Compostela

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, informou hoxe ao alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé, da proposta trasladada pola Xunta ao Ministerio para a Transición Ecolóxica para dar unha solución viable ao problema municipal coa depuración de augas.

Na xuntanza mantida esta mañá en San Caetano, a conselleira informou ao alcalde de que recentemente lle trasladou ao secretario de Estado de Medio Ambiente un escrito solicitando que se destinen á mellora do saneamento de Monforte parte dos fondos europeos do programa operativo Feder 2014-2020 que por problemas de prazo non se poderán investir na depuradora de Santiago, para á que estaban comprometidos. A conselleira convidou ao alcalde de Monforte a traballar conxuntamente para arranxar por esta vía os problemas que acumula a rede de saneamento e depuración de augas da localidade, unha competencia municipal. Desta forma, garantirase, ademais, que os fondos europeos que non se poderán gastar na depuradora de Santiago de Compostela se invistan en Galicia. Indicoulle que Augas de Galicia dispón dun estudo que identifica os principais problemas e posibles solucións do sistema de saneamento e depuración, polo que sería posible executar as obras nos prazos establecidos para os fondos europeos.

Trátase de actuacións encamiñadas á redución das infiltracións na rede xeral, mediante a substitución de dous colectores de marxe e a regulación dos caudais de choiva por medio dun tanque de tormentas, e na rede secundaria, ademais de mellorar a depuradora ou construír unha nova.

Ethel Vázquez avanzou ademais ao alcalde de Monforte de Lemos que o departamento de Infraestruturas prevé dispor no primeiro trimestre de 2019 do proxecto de conexión do porto seco coa N-120, e expresou a confianza de que o Ministerio de Fomento o autorice pronto.


- Te recomendamos -