Inicio Galicia A Comisión Organizadora do Xacobeo 2021 acorda a definición das liñas estratéxicas...

A Comisión Organizadora do Xacobeo 2021 acorda a definición das liñas estratéxicas e os obxectivos do vindeiro Ano Santo

0

O conselleiro de Cultura e Turismo presidiu hoxe a reunión da Comisión Executiva que informou das últimas decisións aprobadas no seo do Consejo Jacobeo


O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, presidiu hoxe a reunión da Comisión Executiva da Comisión Organizadora do Xacobeo 2021, integrada por representantes de diferentes departamentos da Xunta, da Igrexa e do Concello de Santiago de Compostela. A xuntanza, que dá continuidade aos traballos iniciados no Pleno da Comisión, permitiu acordar a definición das liñas estratéxicas do vindeiro Ano Santo, paso previo á redacción do Plan Estratéxico do Xacobeo 2021.

Estas liñas estratéxicas deberán perseguir o obxectivo xeral de potenciar e actualizar a marca Galicia, reforzando a proxección internacional do noso país, impulsando a renovación da oferta galega e consolidando Galicia como un destino único, referente cultural e turístico.

A Comisión Executiva do Xacobeo 2021 informou das últimas decisións aprobadas a nivel nacional no Consejo Jacobeo, nas que Galicia tivo un destacado papel. Neste sentido, o conselleiro anuncio que este xoves o Consello da Xunta abordará as concrecións do programa de bonificacións fiscais en Galicia para os patrocinadores deste evento. O Consejo Jacobeo autorizou xa as desgravacións, que poderán aplicarse ao longo dos tres próximos anos.

Proxecto compartido e transversalEntendido como unha verdadeira ferramenta transformadora, Román Rodríguez apostou por unha axeitada planificación e participación arredor do Xacobeo 2021, tendo en conta o seu carácter transversal e a sustentabilidade como premisa. Ao respecto, lembrou que a Comisión Organizadora do Xacobeo 21 forma parte dunha arquitectura sólida que non deixa espazo á improvisación e que é compartida entre a sociedade e as principais institucións do país.

Para ampliar o alcance desta celebración e a súa vontade participativa, avanzou que entre as iniciativas previstas para 2019 atoparase O teu Xacobeo, unha convocatoria de proxectos aberta a toda a cidadanía, dotada con 2 millóns de euros, que permitirá a calquera persoa ou entidade propoñer proxectos de interese en materia cultural, social ou deportiva, entre outros.

En paralelo, como debullou polo miúdo a comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, impulsarase a rehabilitación do patrimonio etnolóxico do Camiño de Santiago, contribuíndo así á conservación deste importante legado, poñéndoo a disposición tanto dos galegos como dos peregrinos e turistas en xeral. Do mesmo xeito, darase continuidade ás accións de promoción e dinamización cultural en colaboración co tecido propio da Comunidade.

Catro eixos de actuaciónA Comisión Executiva da Comisión Organizadora do Xacobeo 2021, que conta con oito membros, informou tamén sobre a aprobación dos plans e programas da conmemoración do Ano Santo por parte do Consejo Jacobeo, que incorporou todas as achegas de Galicia.

Este último órgano, que agrupa a diferentes ministerios e comunidades autónomas, acordou cinco obxectivos prioritarios desta celebración, común a todas as administracións participantes. Entre eles atópase destacar a riqueza cultural natural e humana do Camiño de Santiago; invitar ao diálogo arredor deste Gran Itinerario Cultural Europeo; promover o patrimonio cultural xacobeo como fonte de inspiración para a creación artística contemporánea; impulsar o desenvolvemento das áreas rurais do Camiño de Santiago e fomentar o coñecemento do patrimonio relacionado coa Ruta Xacobea, particularmente entre os máis novos.

Sobre esta base, os plans e programas articularanse en catro eixes: plan de dinamización cultural, plan de dinamización turística e acollida ao visitante, plan de investigación e plan de patrimonio e legado. Á hora de incluír unha actividade entre estes programas, valorarase especialmente a relación que a actividade garde co Camiño de Santiago, a orixinalidade, rigor e relevancia da súa achega aos fins da conmemoración e a súa viabilidade económica.

Traballo coordinadoO decreto 4/2018, do 11 de xaneiro, polo que se crea a Comisión Organizadora do Xacobeo 2021 establece no seu artigo 10 que o seu funcionamento se levará a cabo a través do Pleno e da Comisión Executiva, que hoxe reuniuse no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino.

O funcionamento da Comisión Executiva vén determinada polo artigo 9, que lle encomenda “con carácter xeral, a realización de funcións de proposta, preparación e desenvolvemento de actuacións concretas nos termos que defina a Comisión Organizadora”. 


- Te recomendamos -