A Xunta considera inadmisible o incumprimento das cláusulas relativas á subrogación do persoal
A comisión de seguimento do Plan de transporte público de Galicia reafirmou hoxe o seu compromiso cos dereitos dos traballadores do sector e acordou continuar co proceso de resolución do contrato de servizos da Mariña lucense.
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, sinalou como “inadmisible” o incumprimento das cláusulas relativas á subrogación do persoal que se dá nese contrato e explicou que á vista dos informes xurídicos que acreditan os incumprimentos acordouse continuar adiante co procedemento iniciado para a súa resolución. “Mantemos o noso compromiso de non permitir que ningunha empresa empregue este plan como escusa para reducir plantilal”, salientou a conselleira.
Ethel Vázquez, xunto co secretario xeral técnico da Consellería, Joaquín Macho, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, explicou que este novo encontro da comisión integrada polos sindicatos e a patronal de viaxeiros por estrada serviu tamén para avaliar a evolución da primeira fase do Plan de transporte público de Galicia, posta en marcha en agosto de 2017. Tras a xuntanza, na que participaron os representantes das catro federacións empresariais e os dous sindicatos asinantes do acordo das cláusulas sociais do Plan de transporte (UGT e CCOO), a conselleira explicou tanto a situación da implantación da primeira fase, como o proceso de elaboración da segunda fase.
Segundo indicou Ethel Vázquez, as cifras demostran a boa acollida do Plan, con máis de 5 millóns de viaxeiros, rebaixas de tarifas que teñen chegado mesmo ao 80% e cobertura de territorios onde non chegaba o servizo de autobús. Todo, iso, engadiu, grazas a activación de novas modalidades de transporte máis eficientes como o transporte compartido e a demanda. Xunto con isto, a conselleira chamou a atención sobre o feito de que o Plan permitiu a continuidade dos 500 empregos asociados ás liñas de transporte, grazas ás cláusulas sociais de referencia estatal pactadas cos sindicatos.
Na mesma liña, na xuntanza de hoxe acordouse reforzar ese compromiso cos dereitos laborais na segunda fase do Plan de transporte público, coa vontade de “chegar ata o final na defensa dos dereitos dos traballadores”.
Abundou tamén nos pasos que se están a dar no proceso de deseño das liñas desta segunda fase, para o que a Xunta se ten reunido xa con 280 concellos, co obxectivo de garantir que os servizos se adecúan ás necesidades dos veciños.
Ethel Vázquez asegurou que a de hoxe foi “unha reunión produtiva” que serviu para valorar o bo resultado dos servizos de transporte da primeira fase, mostrar a maior das determinacións na defensa dos postos de traballo e abordar a segunda fase do Plan de Transporte Público que avanza segundo o previsto.
- Te recomendamos -