O prendido da grande árbore da ‘Cidade do Nadal’, deu comezo a unha completa programación de actividades para gozar en familia ata o 6 de xaneiro
A Cidade da Cultura comeza a súa celebración do Nadal esta fin de semana cun programa cargado de actividades para que a cativada da casa descubra as tradicións coas que se conmemoran estas festas noutras partes do mundo. O Museo Centro Gaiás abriu as súas portas esta tarde transformado nunha Cidade do Nadal engalanada coa luz e as cores propias desta época do ano. Un espazo pensado para gozar en familia, participar en obradoiros creativos e decorar xuntos a grande árbore de madeira que preside a Cidade do Nadal do Gaiás.
Como novidade este ano, a Cidade da Cultura estrea tamén unha iluminación exterior que percorre os diferentes edificios do complexo. Un camiño de luz inspirado no ceo estrelado e nas constelacións da Vía Láctea, que guiará os visitantes desde a Biblioteca e o Centro de Emprendemento ata o Museo. O director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, foi o encargado de prender as luces, tanto da árbore da Cidade do Nadal como do exterior, e dar comezo á programación do Gaiás para estas festas.
As familias que se acheguen á Cidade da Cultura ata o 6 de xaneiro poderán mergullarse nun escenario que recrea, con rúas prazas e casas, unha vila inspirada nos nadais de diferentes época e lugares. No interior do museo, os nenos e nenas participarán en obradoiros cos que axudarán a engalanar aínda máis a Cidade do Nadal e coñecerán a orixe dos costumes cos que se celebran estas festas noutros países.
Obradoiros creativosOs máis pequenos aprenderán a decorar doces e elaborarán afeites con papel, cartón e froitas propias do outono e do inverno para vestir os seus fogares e tamén a árbore do Gaiás. Estes obradoiros están pensados para alimentar a creatividade dos nenos e nenas e promover o emprego de decoracións artesanais elaboradas con materiais accesibles.
Haberá, ademais, talleres impartidos polo artista vigués Federico Fernández, que propón unha viaxe ilustrada polo Nadal ao redor do mundo. O debuxo irá medrando coa colaboración dos nenos e nenas que porán a cor á ilustración os días 15, 16 e 22 de decembro. Os obradoiros da Cidade do Nadal son de balde e toda a información sobre os horarios está dispoñible na web da Cidade da Cultura.
Ademais, unha instalación fotográfica sobre as festas da luz e unha pequena biblioteca con contos e lendas do Nadal complementarán o percorrido polas diferentes formas de celebrar estas festas noutras culturas e lugares.
Teatro para recibir o novo anoNo mes de xaneiro, –dentro da programación da Cidade do Nadal–, o Gaiás acolle a estrea en Galicia da obra de teatro A nena dos pardais, Premio da Crítica 2017 ao mellor espectáculo para público familiar. Esta obra da compañía catalá Teatre al detall conta a historia dunha nena que decide seguir os ditados do seu corazón fronte ao decreto dos gobernantes de exterminar os pardais do seu país.
Pensado para unha audiencia a partir dos 6 anos de idade, o espectáculo inspírase nun feito histórico: cando a mediados do pasado século XX Mao Zedong declarou a guerra aos pardais como parte do seu plan para converter China nunha gran potencia industrial. A partir deste suceso, que desencadeou a Grande Fame da China de 1958-1961, Teatre al detall constrúe un canto á liberdade e ao respecto á vida cargado de emoción e de humor.
A obra representarase en lingua castelá o 4 de xaneiro ás 17:30 horas no Museo Centro Gaiás e as entradas poden adquirirse xa no propio museo e en www.ataquilla.com. A programación complétase co tradicional concurso infantil de postais, dirixido a cativos e cativas ata os 9 anos, que poderán enviar as súas creacións ou depositalas na caixa de correo da Cidade do Nadal ata o 30 de decembro. As seis máis orixinais recibirán un agasallo o día 4 de xaneiro no Museo Centro Gaiás.
- Te recomendamos -