Organizada en colaboración coa Fundación USC Deportiva, esta actividade de verán propón andainas comentadas desde o centro histórico ata o Gaiás
Promover un estilo de vida saudable a través da actividade física e achegar á cidadanía os espazos naturais e o patrimonio artístico da capital galega son os dous obxectivos de Camiño ao Gaiás, unha serie de andainas comentadas e de balde organizadas pola Cidade da Cultura de Galicia todos os xoves entre o 5 de xullo e o 13 de setembro.
Convertida xa nun clásico do verán compostelán, Camiño ao Gaiás chega por oitavo ano consecutivo coa colaboración da Fundación USC Deportiva para amosar a veciñanza e visitantes unha nova cara da cidade. As persoas participantes poderán descubrir o rico patrimonio monumental e natural de Compostela nunha andaina apta para todos os públicos que, no caso das sesións diúrnas, arranca ás 19:00 horas desde o corazón da zona vella de Santiago: a oficina de Turismo de Santiago, en plena rúa do Vilar.
Tras pasar pola Rúa Nova, a igrexa de Santa María Salomé, a Facultade de Xeografía e Historia e o Mercado de Abastos, a ruta atravesa Virxe da Cerca para adentrarse no Parque de Belvís e desembocar no Sar, admirando a Colexiata e remontando o curso do río polo paseo fluvial. A continuación as persoas participantes visitarán o Bosque de Galicia, subindo ao monte polas sendas naturais deste espazo verde e percorrendo puntos como o miradoiro do alto do monte –onde contemplar unha das vistas menos coñecidas de Santiago– e o Parque do Lago –espazo natural entre os montes Gaiás e Viso que destaca pola súa flora e a súa fauna natural, especialmente paxaros e anfibios–.
Rematar a xornada ao son de ‘Atardecer no Gaiás’Unha vez na Cidade da Cultura, ademais de visitar o complexo arquitectónico, as persoas que queiran ampliar un pouco máis a xornada terán a oportunidade de gozar de Atardecer no Gaiás, o ciclo de concertos ao aire libre que todos os xoves, venres e sábados de xullo e agosto enche de música o solpor da Praza Central do Gaiás.
Camiño ao Gaiás reedita tamén este ano as andainas en formato nocturno en catro das sesións –12 e 19 de xullo e 9 e 16 de agosto–. A actividade propón así un final saudable aos concertos de Atardecer no Gaiás, rematando a noite cunha camiñada pola fresca desde a Cidade da Cultura ata o centro histórico.
Todas as sesións de Camiño ao Gaiás son de balde, mais é preciso inscribirse previamente en cidadedacultura.gal ou fundacionuscdeportiva.org. A ruta é apta para todas as persoas –aínda que está recomendada a partir dos dez anos de idade–. En caso de ser menor de 18 anos, na inscrición deberá constar o nome da persoa titora acompañante que, á súa vez, terá que inscribirse igualmente na actividade.
Programación de verán da Cidade da CulturaCamiño ao Gaiás enmárcase na programación de verán da Cidade da Cultura, que este ano inclúe un total de 67 actividades de lecer e culturais, ao aire libre e en contacto coa natureza e pensadas para todos os públicos. Ao longo de tres meses, prevese que participen máis de 50.000 persoas en ciclos que xeran grande expectación e demanda como os concertos de Atardecer no Gaiás, as acampadas para a cativada de Unha noite no Bosque, Cidade Imaxinaria, As Astronómicas, ou As Nocturnas, visitas comentadas á noitiña ás exposicións con música e petiscos. En cidadedacultura.gal pode consultarse toda a programación para este intenso período estival que se alongará ata setembro.
- Te recomendamos -