Consolida citas referencias para as familias na época estival como ‘Unha noite no Bosque’, ‘Visitas Astronómicas’, ‘Camiño ao Gaiás’ e ‘Cidade Imaxinaria’
Un total de 67 actividades de lecer e culturais, ao aire libre e en contacto coa natureza, e pensadas para todos os públicos. Esta é a carta de presentación de Verán no Gaiás, a programación da Cidade da Cultura para os meses estivais e na que se prevé que participen máis de 50.000 persoas en ciclos que xeran grande expectación e demanda, como Atardecer no Gaiás, Cidade Imaxinaria, As Astronómicas, as acampadas de Unha noite no Bosque ou As Nocturnas, visitas comentadas á noitiña ás exposicións con música e petiscos.
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, deu a coñecer esta mañá —xunto á directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura, María Otero Pereira— a programación de Verán no Gaiás, da que salientou a “calidade da oferta, a diversidade nos públicos aos que se dirixe e a variedade dos contidos: natureza, arte, música, circo, deporte…”.
Anxo Lorenzo estivo acompañado polos responsables, colaboradores e patrocinadores dos diferentes ciclos que integran a programación, como son Agadic, Inaem, Fundación Banco Sabadell, Cervezas Alhambra, Viaqua, Fundación USC Deportiva e o Observatorio Astronómico Ramón María Aller.
O secretario xeral quixo “chamar a atención” sobre o sitio elixido para a presentación de Verán no Gaiás, a Porta das Camelias, un novo espazo natural da Cidade da Cultura que, cos seus 22.000 metros cadrados con “espiños, padrairos e camelios”, se suma ás outras zonas verdes do Gaiás: o Bosque de Galicia —do que proximamente se inaugurará a segunda fase— o Xardín Literario, o Parque do Lago, o da Balea e o futuro Xardín do Teatro, xa en construción.
Ademais da presentación deste novo espazo natural, a rolda de prensa da programa estival da Cidade da Cultura tamén contou cunha breve interpretación, en formato acústico, de Nastasia Zürcher, xa que a cantante galega-suíza é unha das 21 actuacións da edición deste ano do ciclo de concertos ao aire libre Atardecer no Gaiás.
Banda sonora do veránA programación de Verán no Gaiás arranca coa celebración do Día da Música. Será este mesmo venres, día 22, co concerto de SondeSeu, Orquestra Folk de Galicia, na Praza Central do Gaiás, con entrada de balde. E, precisamente, será tamén unha actuación, a do cantautor ourensán Emilio Rúa, o 21 de setembro, a que poña punto e final á oferta estival da Cidade da Cultura.
A música ao aire libre ten un peso moi importante na programación de verán da Cidade da Cultura, onde Atardecer no Gaiás é o seu prato estrela. Este ciclo de concertos ao solpor, no escenario Alhambra, da Praza Central do Gaiás, procurará conformar do 5 de xullo ao 18 de agosto a banda sonora do verán 2018, na que as músicas urbanas van contar con maior presenza.
O cartel de Atardecer no Gaiás conta cun peso relevante e de estilos variados do actual panorama musical galego co obxecto, segundo salientou o Anxo Lorenzo, de “promover o traballo de excepcional calidade que se está a facer en Galicia”. Así, entre os artistas galegos, poderase escoitar nesta oitava edición o folk combativo de A Banda da Loba, o pop de Yelow Belly e David Vázquez, a electrónica de Baiuca, o soul de Nastasia Zücher ou o tributo a Queen da Banda Artística de Merza xunto co coro Gli Appassionati.
Atardecer no Gaiás é tamén un escaparate das última tendencias musicais. Así, nesta edición estarán algúns dos representantes máis actuais dos sons urbanos, como o hip hop, trap ou a electrocumbia. Neste último caso vaise da man de Tremenda Jauría, unha das formacións do panorama estatal que máis está a triunfar neste estilo con letras feministas e socias. Ela será a encargada do peche por todo o alto o 18 de agosto.
Os sons internacionais veñen da man da híbrida formación Shirley Davis & The Silverbacks, que mestura compoñentes do Reino Unido e Australia para ofrecer un funky do máis bailable; a paixonal arxentina Nathy Peluso; os mexicanos La Redada ou a bossa-nova de Dom La Nena, desde O Brasil.
Deste xeito, Atardecer no Gaiás volve ofrecer unha escolma de diferentes estilos musicais, na que non faltarán representantes do indie, desde o intimista de Pajaro Sunrise e Mordem, ao punk de Las Odio ou ao intelixente humor de Pony Bravo.
As actuacións musicais deste Verán no Gaiás completaranse co III Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia, o 1 de xullo, e a celebración o 16 de setembro da XV Romaría Coral Galega, coa participación de 45 formacións provenientes de toda a comunidade.
Actividades familiares en contacto coa naturezaAdemais da música, Verán no Gaiás caracterízase por unha ampla e variada oferta de actividades familiares e en contacto coa natureza, que dá resposta á demanda dunha programación estival para os rapaces e rapazas que equilibre lecer e cultura. Así, a partir do 29 de xuño e todos os venres ata o 17 de agosto, a cativada contará coa acampada de Unha noite no Bosque para coñecer os espazos verdes do Gaiás e tomar consciencia da importancia do patrimonio ambiental.
Camiño ao Gaiás e as Visitas Astronómicas completarán esa oferta pensada para toda a familia en contacto co natureza, tanto para a descuberta de novas rutas para subir á Cidade da Cultura desde a zona vella compostelá, como para deixarse marabillar polos segredos das estrelas e planetas do ceo nocturno do verán. Os imprescindibles da programación familiar do Verán no Gaiás complétanse con Cidade Imaxinaria, festival pensado para toda a familia moi vencellado a espectáculos circenses, que neste 2018 terá lugar o sábado 25 de agosto.
Arte en Verán no GaiásA arte contemporánea tamén terá o seu oco neste Verán no Gaiás coa celebración, do 26 ao 30 de agosto, da oitava edición do Encontro de Artistas Novos. Un total de 40 creadores emerxentes presentarán as súas propostas en diálogo constante con artistas consolidados como Sandra Gamarra, Julio Falagán e María Moles. Inscrita nesta mesma actividade, as Torres Hejduk acollerán a intervención artística que resultou gañadora na anterior edición do EAN, Arquivo Aberto da Memoria Arquitectónica, de Francisco Ramallo.
A programación para este verán complétase coa ampliación das visitas comentadas, e de balde, á ampla oferta expositiva e de intervencións que acollen tanto o Museo Gaiás e as Torres Hejduk como os espazos naturais da Cidade da Cultura: Galicia universal. A arte galega nas Coleccións de ABANCA e Afundación, Baldomero Pestana, a verdade entre as mans –ambas protagonistas de As Nocturnas os días 24 e 31 de agosto, e 7 e 14 de setembro—, Reb/veladas na paisaxe, Betula Pendula e No museo, pola cara. Súmase a estas visitas comentadas a de carácter arquitectónico ao redor do complexo deseñado por Peter Eisenman, que conta con maior oferta estival e tamén en inglés.
As quendas e horarios das visitas comentadas, como toda a programación de Verán no Gaiás, pódese consultar polo miúdo na páxina web da Cidade da Cultura, en cidadedacultura.gal
- Te recomendamos -