Programadores, produtores, músicos e docentes que traballan para o público infantil e xuvenil participarán do 17 ao 19 de outubro nunhas xornadas inspiradoras con relatores e artistas internacionais
A Cidade da Cultura de Galicia convértese este outono no lugar de encontro para músicos e educadores de toda Europa, ao acoller do 17 ao 19 de outubro, a YAMsession 2018. Trátase dun evento para coñecer o panorama da produción musical para público infantil e xuvenil e as novas correntes que se están a desenvolver a nivel europeo, así como para xerar oportunidades de colaboración entre programadores, produtores, artistas e profesores de música nacionais e internacionais.
YAMsession 2018 é un evento impulsado pola asociación Jeunesses Musicales International (JM International), a maior rede do mundo dedicada á música e á xuventude. JM International conta con membros de máis de 70 países e organiza anualmente máis de 40.000 actividades nas que participan máis de seis millóns de persoas, sendo a YAMsession 2018 unha das citas máis sobresaíntes deste ano. O encontro chega por primeira vez a España co apoio da Fundación Cidade da Cultura e da Xunta de Galicia. A organización agarda reunir no Gaiás a 150 profesionais de máis de 20 países.
Cincocentos escolares convocados Ao longo de tres xornadas, os participantes poderán debater con expertos internacionais, xerar vínculos e aprender xuntos no foro de produtores, así como asistir a sete das mellores producións musicais que se están facendo a día de hoxe para nenos e mozos. Arredor de cincocentos estudantes dos centros escolares e das escolas de música galegas están convidados a participar tamén nestes espectáculos únicos, moitos dos cales se poderán ver por primeira vez no noso país.
Ademais, a YAMsession 2018 programou para toda a cidadanía un concerto especial o día 18 de outubro coa Balkan Paradise Orchestra. Esta agrupación española, formada exclusivamente por mulleres, promete facer bailar ao público coa súa festiva mestura de instrumentos de vento e percusión, ritmos da tradición musical balcánica e influencias contemporáneas. A asistencia a este concerto é de balde previa retirada de convite no Museo Centro Gaiás. A información sobre datas e horarios está dispoñible na web www.cidadedacultura.gal.
Por outra banda, a produción galega Como soan os nosos poemas estará presente no foro de produtores do evento, onde terá ocasión de recibir consello por parte de expertos do sector e dos profesionais asistentes. Este traballo en común contribuirá a mellorar tanto aspectos técnicos do espectáculo como a súa proxección internacional.
Como soan os nosos poemas procura facer sentir ao público a íntima relación que existe entre a poesía galega e a música, escoitando primeiro a melodía da palabra recitada para atopala despois nas frases das composicións para clarinete e piano creadas para cada poema. Trátase dun proxecto da catedrática de clarinete no Conservatorio Superior de Música de A Coruña, Marta Sancho Andrés, coa colaboración do pianista vigués Brais González Pérez.
Premios internacionaisA Cidade da Cultura será tamén o escenario para a cerimonia de entrega dos YAMawards, galardóns nos que se recoñecen as mellores producións musicais destinadas ao público infantil e xuvenil. Nesta ocasión optan aos premios 11 espectáculos en directo procedentes de 9 países europeos, seleccionados tanto pola súa calidade musical como polo seu potencial internacional e de conexión coa audiencia.
Ata o 17 de outubro está aberto o prazo para votar os finalistas a través da web www.yamwards.org e decidir o gañador do Premios do Público.
Un xurado internacional e profesional decidirá os vencedores no resto de categorías dos premios: Mellor conxunto de pequeno formato para novas audiencias, Mellor conxunto de gran formato para novas audiencias, Mellor ópera para novas audiencias e Mellor Produción do Ano.
YAM: creatividade, música e educaciónA YAMsession é un dos pilares do programa Música para Novas Audiencias (Young Audiences Music, YAM), impulsado pola organización Jeunesses Musicales International (JM International) para promover o acceso da cativada e da mocidade de todo o mundo a experiencias musicais en vivo de alta calidade, ademais de fomentar a educación e o desenvolvemento da creatividade a través da música.
A YAMsession 2018 está organizada de maneira conxunta pola JM International, a Fundación Cidade da Cultura de Galicia, a Xunta de Galicia, RESEO –rede europea para a promoción da educación arredor da ópera e a danza–, Acción Cultural Española e JM España. O evento conta co apoio da Belspo –Belgian Science Policy Office– e do programa Europa Creativa da Comisión Europea, e coa colaboración de Xuventudes Musicais de Tui.
O evento ten lugar cada ano nun país diferente, sendo esta a súa quinta edición. Espazos singulares ligados á dinamización cultural, á arte e á música acolleron as edicións previas da YAMsession en Suecia, Croacia, Noruega e Portugal. A escolla da Cidade da Cultura nesta ocasión vén confirmar o atractivo do Gaiás para a celebración de eventos de calado internacional, como o WOMEX, a maior feira de música tradicional e de raíz, ou o MICA Atlantica, foro internacional para as industrias culturais e creativas de Arxentina, Galicia e Portugal.
- Te recomendamos -