Inicio Galicia A Cidade da Cultura acolle a entrega de premios aos mellores espectáculos...

A Cidade da Cultura acolle a entrega de premios aos mellores espectáculos musicais concibidos para as audiencias máis novas

0

A YAMsession 2018 acolleu esta tarde na Cidade da Cultura a cerimonia de entrega dos YAMawards galardóns internacionais cos que se premian as mellores producións musicais do ano destinadas ao público infantil e xuvenil. Nesta ocasión optaron aos premios 11 espectáculos procedentes de 9 países europeos, seleccionados tanto pola súa calidade musical como polo seu potencial de proxección internacional e de conexión coa audiencia.

O xurado, formado por profesionais do sector musical, decidiu outorgar o Premio a mellor produción do ano, dotado con 2.000 euros, a ‘Shadow Music’, concerto ideado pola orquestra de cámara de Noruega e por Oorkaan, organización holandesa dedicada á creación de espectáculos musicais para público infantil e xuvenil. O punto de partida de ‘Shadow Music’ é a famosa peza para instrumentos de corda Verklärte Nacht (A noite transfigurada) do compositor austríaco Arnold Schönberg. Nun concerto sen palabras, a composición clásica faise accesible ao público máis novo dunha maneira visual e poética. A posta en escena evoca o cuarto dun neno pola noite, cargado de sombras e misterios aos que debe facer fronte. Esta produción levou tamén o Premio ao mellor conxunto de gran formato.

Leer más:  El Gobierno central defenderá en el Tribunal de Justicia de la Unión Europea la normativa estatal para la aprobación de proyectos eólicos, según la Xunta

O galardón ao Mellor conxunto de pequeno formato recaeu en ‘Bach in the Street’, un espectáculo de fusión entre músicas e culturas no que o violín e Bach dialogan co hip-hop e o baile urbano. Semmy Stahlhammer –concertino da Ópera Real de Estocolmo– e Maele Sabuni –galardoado bailarín sueco– ambos nados no país escandinavo en familias de refuxiados, convidan a reflexionar sobre o que significa ter que fuxir do fogar, botar raíces nun novo país e atopar o teu propio lugar no mundo.

Na categoría de Mellor ópera para novas audiencias resultou gañador o espectáculo ‘A Shoe Full of Stars’ da compañía británica Gestalt Arts. A produción segue a viaxe dun adolescente que, logo de sufrir un ataque terrorista, vese de súpeto transportado a unha illa máxica e estraña onde o conflito abrolla por todas partes e nada é o que parece. Unha peza creada coa finalidade de sensibilizar á mocidade sobre o terrorismo e os seus efectos, e previr a adopción de conductas extremistas entre os máis novos.

Finalmente, o Premio do público, dotado con 1.000 euros, foi para ‘Maputo-Mozambique’. O vencedor foi elixido pola propia audiencia mediante un sistema de votación online na web da YAMsession. ‘Maputo-Mozambique’ é unha produción ideada polo músico, malabarista e director francés Thomas Guérineau, realizada coa colaboración de seis bailaríns e cantantes orixinarios de Mozambique, que el mesmo formou no país africano. Un espectáculo de malabarismo musical baseado nunha técnica improvisada que mestura cantos rituais, baile, percusión e manipulación de obxectos, dando lugar a unha peza que promove a liberdade e deixa o seu significado aberto á interpretación do público.

Leer más:  Un camionero fallece en la A-52 en Toén (Ourense) al ser arrollado después de descender del vehículo por un reventón en una de las ruedas

A YAMsession 2018 continúa a súa programación os días 18 e 19 de outubro na Cidade da Cultura, combinando espectáculos para os máis novos con encontros profesionais dirixidos a artistas, docentes, programadores e produtores que traballan no sector musical para o público infantil e xuvenil. O evento acolle o xoves un concerto especial, de balde e aberto a a toda a cidadanía, coa Balkan Paradise Orchestra. Esta agrupación española, formada exclusivamente por mulleres, promete facer bailar ao público coa súa festiva mestura de instrumentos de vento e percusión, ritmos da tradición musical balcánica e influencias contemporáneas. Será ás 21:30 horas no Museo Centro Gaiás e para asistir é necesario retirar o convite, gratuíto, na entrada do museo.

A YAMsession 2018 está organizada de maneira conxunta pola JM International, a Fundación Cidade da Cultura de Galicia, a Xunta de Galicia, RESEO –rede europea para a promoción da educación arredor da ópera e a danza–, Acción Cultural Española e JM España. O evento conta co apoio da Belspo –Belgian Science Policy Office– e do programa Europa Creativa da Comisión Europea, e coa colaboración de Xuventudes Musicais de Tui. 

Leer más:  El BNG solicitará la comparecencia de Rueda por no permitir que Galicia tenga control sobre su presupuesto

- Te recomendamos -