O persoal facultativo, locutor e teleoperador aumentará durante as datas de maior actividade co obxectivo de axilizar as consultas médicas e optimizar a xestión dos recursos
A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 reforza, un ano máis, o seu persoal da Central de Coordinación para garantir que a asistencia sanitaria ás urxencias e ás emerxencias que se produzan na Comunidade Autónoma galega sexa axeitada durante as datas de Nadal.
Como vén sendo habitual, o número de chamadas aumenta durante o estas datas, non só a consecuencia do incremento das patoloxías relacionadas coa estación invernal, senón tamén polos excesos propios destes días, nos que aumentan os accidentes de tráfico ante o maior número de desprazamentos.
Así, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 reforzará o servizo habitual segundo as análises de incremento de chamadas nestas datas para axilizar a consulta médica e optimizar a xestión dos recursos co fin de dispoñer dos medios máis axeitados para a atención das emerxencias que puideran xurdir.
Isto supón que estes vindeiros días haberá un facultativo máis nas quendas de noite (de 22 a 8 horas) as noites do 24, 31 de decembro e 5 de xaneiro, así como na quenda de mañá do día 25 e do primeiro día do ano. Respecto ao persoal de xestión telefónica, o servizo reforzarase cun locutor máis respecto ao resto dos días da semana e ata dous teleoperadores máis nas quendas de noite nos días 24, 25 de decembro e 1, 5 e 6 xaneiro de 2018. Reforzaranse tamén, as quendas de día das xornadas do 25 de decembro e do 1 de xaneiro cun teleoperador máis.
Nadal 2017-2018O pasado Nadal -desde o 24 de decembro de 2017 ata o 6 de xaneiro de 2018-, a Central de Coordinación do 061 de Galicia recibiu un total de 27.361 chamadas de demanda sanitaria, que xeraron 25.219 procesos asistenciais, dos que 3.247 foron orixinados directamente por peticións de Atención Primaria. Dos 25.219 procesos asistenciais xerados polo 061, o 43,8 % resolvéronse sen mobilización de recursos e o 56,2 % restante precisaron da mobilización dalgún recurso (visita domiciliara de médico ou enfermeiro de Atención Primaria, transporte urxente e/ou emerxencias). Dos procesos asistenciais nos que a Central de Coordinación estimou necesario a mobilización dalgún recurso, nun 53,5 % tratouse de emerxencias sanitarias, no 36,3 % de transporte urxente e un 10,2% resolveuse con visitas domiciliarias. En total, mobilizáronse 17.712 recursos.
Para a resolución das emerxencias sanitarias citadas anteriormente mobilizouse o helicóptero medicalizado en 18 ocasións, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado acudiron a 913 sinistros, as ambulancias asistenciais a 7.085 e os médicos de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais de soporte vital básico prestaron asistencia sanitaria en 1.040 ocasións. En 412 sinistros asistiron ambulancias convencionais.
Neste período, os accidentes de tráfico e as intoxicacións son os principais motivos de demanda sanitaria na Central de Coordinación. Así, no Nadal pasado o 061 de Galicia recibiu 362 chamadas en relación cos accidentes de tráfico, que xeraron 288 asistencias, nas que atenderon a 387 persoas, das que tres faleceron no punto do incidente.
No caso das intoxicacións, entre o 24 de decembro de 2017 e o 6 de xaneiro de 2018, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 atenderon a 483 persoas, das que 419 foron asistidas por intoxicacións por alcohol e 64 por consumo de drogas.
Por último, é importante lembrar que Urxencias Sanitarias de Galicia-061 é o servizo encargado de prestar atención ás urxencias e ás emerxencias extrahospitalarias na Comunidade Autónoma galega as 24 horas, os 365 días do ano e que moitas vidas poden ser salvadas e moitas lesións atenuadas se reciben a asistencia sanitaria axeitada.
- Te recomendamos -