Esta iniciativa académica impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo, a Universidade de Santiago de Compostela e a Catedral fixo balance das súas actividades
A Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións, impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo xunto á Universidade de Santiago de Compostela e a Catedral, está a apoiar dous novos proxectos de investigación ao abeiro da primeira edición da súa convocatoria de bolsas. Así se trasladou esta mañá durante a rolda de prensa de balance das súas actividades que contou coa presenza do director-xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, acompañado do director da cátedra, Domingo Lopo, e do deán da basílica compostelá, Segundo Pérez.
Os traballos impulsados son, en concreto, un estudo ao redor da demarcación do Camiño Portugués, realizado polo investigador Carlos Manso e outro sobre os hospitais do Camiño de Santiago, a cargo de Estefanía López, proxectos a través dos que se afonda na identidade histórica da ruta xacobea, aliñándose así cos obxectivos da cátedra. A eles súmase tamén a posta en marcha da súa páxina web ou o premio que outorgou este ano na súa primeira convocatoria e que recaeu nun proxecto da investigadora italiana Antonella Palumbo da Universitá degli Studi G. D’Annunzio.
Esta cátedra é a iniciativa académica máis importante impulsada ao abeiro do Plan director do Camiño de Santiago. Dada a enorme vitalidade da peregrinación xacobea na actualidade e a súa importancia na nosa sociedade, cun interese crecente cada día máis internacionalizado e diversificado, considerouse moi necesario un instrumento como este para afondar nas súas raíces cunha base científica.
O seu obxectivo, que se enmarca na liña estratéxica oito do Plan director do Camiño de Santiago -dedicada á investigación, comunicación e divulgación- é promover e difundir o coñecemento no eido xacobeo, facilitando a reflexión e o debate cultural, impulsando a súa presenza no ámbito universitario. Para isto, lévanse a cabo conferencias cursos, seminarios, publicacións dun fondo bibliográfico e documental.
Neste sentido, durante o último ano a cátedra colaborou cos Cursos Internacionais da Universidade de Santiago, organizou o II Seminario Internacional: diversas visións do culto e a devoción xacobea en Europa e participou en diversos foros internacionais. Para este último trimestre do ano está a organizar xunto ao Grupo Compostela de Universidades o Congreso Internacional O ano do patrimonio cultural europeo e o Camiño de Santiago, que se celebrará en Santiago de Compostela entre o 23 e o 25 de outubro.
- Te recomendamos -