A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, entregou hoxe o diploma ao establecemento, premiado a proposta dun alumno do IES Francisco Aguiar
A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, entregou hoxe á libraría Biblos de Betanzos un dos premios do certame Comercio con talento, unha iniciativa que pretende impulsar a innovación e o emprendemento no sector comercial entre o alumnado de formación profesional.
Con esta acción, na que participou alumnado de ciclos formativos relacionados co comercio de toda Galicia, búscase impulsar a participación e o contacto dos estudantes coa realidade do sector, complementando a súa formación; potenciar a innovación, o emprendemento e a incorporación do talento á actividade comercial de proximidade, así como ás pemes deste sector; e incrementar o coñecemento das novas tendencias do comercio, especialmente das novas tecnoloxías.
Para participar no concurso, o alumnado estudou o comercio da súa comarca para, finalmente, seleccionar un negocio de acordo a criterios como o espazo físico, a xestión, o produto ou a atención ao cliente. Posteriormente, os participantes elaboraron un proxecto sobre o comercio elixido.
Un xurado especializado escolleu os nove comercios con máis talento de entre os propostos e fixo unha preselección de cinco para ser escollidos no Facebook do Portal do Comerciante, polo que un dos 10 premios decídese polo número de “me gusta” recibidos. Os autores dos 10 proxectos gañadores reciben como premio un iPad wifi 32GB.
No caso de Biblos, foi proposto por José Ángel Varela, alumno do ciclo superior de Xestión de Vendas e Espazos Comerciais no IES Francisco Aguiar de Betanzos. No seu proxecto destacou a aposta deste negocio pola literatura en galego e castelán e tamén en inglés e portugués, ademais da súa oferta musical. Sinala ademais que para a promoción utiliza fundamentalmente as redes sociais e a revista Biblos, ademais da edición dun boletín mensual. Fai tamén fincapé en que na libraría adoitan facerse presentacións de libros, actuacións musicais, exposicións de arte, de fotografía, ou coloquios.
- Te recomendamos -