Inicio Galicia A campaña ?Camiño da reciclaxe? recupera 146 toneladas de papel e envases...

A campaña ?Camiño da reciclaxe? recupera 146 toneladas de papel e envases nos albergues galegos, case un 50% máis que en 2017

0

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, visitou en Arzúa unha das instalacións adheridas á iniciativa, impulsada pola Xunta co apoio de Ecoembes

Os albergues do Camiño de Santiago reciclaron entre os meses de xuño e outubro máis de 146 toneladas de envases lixeiros e de papel-cartón no marco da iniciativa Camiño da reciclaxe. Así o avanzou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha visita a un dos establecementos participantes, o albergue de Ribadiso, no Concello de Arzúa.

O obxectivo principal desta campaña, que por terceiro ano consecutivo impulsa a Xunta en colaboración con Ecoembes, é fomentar a reciclaxe nos albergues do Camiño de Santiago e concienciar aos peregrinos procedentes de todo o mundo que cada ano realizan esta ruta sobre a importancia da recollida selectiva de envases lixeiros, de papel e de cartón. Así mesmo, a iniciativa busca evitar a aparición e o incremento ao longo do camiño da chamada basuraleza (desperdicios e lixo que se deposita en espazos naturais).

Neste sentido, a conselleira amosouse moi satisfeita co balance de Camiño da reciclaxe en 2018. Así, explicou que nos cinco meses que durou a campaña, coincidindo co período de maior afluencia de peregrinos nesta ruta, recolléronse en total algo máis de 146 toneladas de residuos: 40 de envases e 106 de papel-cartón. Estas cifras supoñen un incremento de case o 50% con respecto ás da campaña anterior, cando se recolleran en Galicia algo máis de 100 toneladas neste mesmo período.

Neste balance influíu, sobre todo, o incremento rexistrado no número de albergues participantes: 216 establecementos galegos localizados ao longo do Camiño Francés, do Camiño do Norte e do Camiño Portugués sumáronse á iniciativa en 2018, fronte aos 148 que participaran na edición anterior. Cada un destes albergues dispuxo de 2 ou de 4 puntos de reciclaxe en función do número de prazas ofertadas, de modo que se repartiron en total 1.000 contedores azuis (papel-cartón) e amarelos (envases lixeiros).

Así mesmo, a conselleira tamén agradeceu a colaboración na campaña dos hospitaleiros que atenden estes establecementos e actúan á vez como voceiros e promotores da iniciativa entre os peregrinos que pasan por alí. Grazas a eles, tamén se repartiron 40.000 bolsas reutilizables para axudar aos camiñantes a almacenar e transportar os residuos que xeren en cada etapa, así como diverso material informativo e merchandising para fomentar a reciclaxe e uns hábitos de consumo máis sustentables.

O obxectivo, en todo caso, é que a cifra de albergues participantes en Camiño da reciclaxe siga crecendo xa que, tal e como lembrou Ángeles Vázquez, no ano 2021 o Xacobeo situará o foco de atención do turismo sobre Galicia e concretamente, sobre as diferentes rutas do Camiño de Santiago.

Afluencia no CamiñoPara subliñar o impacto turístico e a capacidade de atracción que ten esta ruta de peregrinación como escaparate de Galicia, a conselleira lembrou que só entre xuño e outubro deste ano chegaron a Compostela un total de 239.576 peregrinos, un 19% máis que no mesmo período do último Ano Santo.

Este incremento constante no número de peregrinos converte ao Camiño de Santiago no produto estrela do turismo galego, subliñou Ángeles Vázquez. Neste sentido, considerou que a Xunta debe “fomentar un modelo de turismo sostible” nas súas diferentes rutas a través de ferramentas e iniciativas que respondan ás necesidades presentes e futuras que poidan xurdir con motivo do próximo Ano Xacobeo, contribuíndo a facer do Camiño un exemplo de compromiso coa sustentatiblidade, a reciclaxe e o respecto ao medio ambiente.

Neste sentido, a conselleira considerou que a iniciativa Camiño da reciclaxe tamén servirá de preparación de cara a este “gran acontecemento”, tendo en conta que a previsible afluencia de persoas con motivo do Ano Santo multiplicará a produción de residuos no camiño, unha situación que haberá que atender cos medios necesarios para garantir logo a súa correcta recollida selectiva. 


- Te recomendamos -