Os especialistas centrarán os seus traballos na optimización da xestión do rego, o mantemento do solo e o control de enfermidades, co fin de garantir a súa sustentabilidade económica e medioambiental
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, participou esta mañá na presentación do Grupo Operativo Supra-autonómico que investigará innovacións no cultivo de lúpulo para mellorar a rendibilidade das explotacións agrícolas. Este acto tivo lugar no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), que depende da Consellería do Medio Rural. Neste grupo participa a Agacal xunto a outros socios públicos e privados de Galicia, Castela e León e País Vasco e tamén é colaboradora a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos (Grupo de Desenvolvemento Rural 23 – Reserva Biosfera), xunto coa asociación de cerveceros de España.
Os obxectivos deste grupo operativo pasan en primeiro lugar pola mellora da competitividade das explotacións de lúpulo mediante a optimización da xestión do rego, o mantemento do solo e o control de enfermidades, co fin de garantir a súa sustentabilidade económica e medioambiental.
Os investigadores realizarán tamén o ensaio de variedades, coa introdución de aquelas que se adapten mellor á contorna das zonas de cultivo e avaliarán a resposta a diferentes produtos fitosanitarios para o control de pragas. Ademais, poranse en valor outros produtos derivados do cultivo do lúpulo e a reutilización dos residuos.
Ensaios do CIAMA creación deste grupo de traballo xurdiu a raíz dos ensaios e as charlas de difusión de resultados realizados polo CIAM, que propiciaron no ano 2009 a constitución da cooperativa Lutega (Lúpulo Tecnoloxía de Galicia, Sociedade Cooperativa Galega), que xestiona unha superficie de 8 hectáreas deste cultivo. Desde esta cooperativa promoveuse a posta en marcha deste grupo operativo tendo en conta, ademais, que existe unha gran demanda no sector cerveceiro por obter lúpulos diferenciados.
Xa antes, no 2004, a petición da Corporación Hijos de Rivera (Estrella Galicia), o CIAM retomou os ensaios de cultivo de lúpulo poñendo en marcha unha parcela experimental na que se estuda o comportamento e aclimatación de dez variedades de lúpulo, amargas e aromáticas.
- Te recomendamos -