A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio recorda que este proxecto tamén aportará unha vantaxe para que Galicia acade fondos europeos que permitan o desenvolvemento de iniciativas similares
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, destacou esta mañá que a área da Coruña servirá como exemplo e modelo para aquelas outras áreas ou zonas de Galicia que desexen promover un proxecto de infraestrutura verde. A conselleira de Medio Ambiente inaugurou esta mañá unha xornada sobre a Infraestrutura Verde da Área da Coruña, para celebrar a Semana Verde de Europa (EU Green Week), onde recordou que este proxecto tamén aporta outro valor engadido á Comunidade, á hora de captar fondos europeos que permitan o desenvolvemento deste tipo de iniciativas.
Explicou que unha infraestrutura verde busca planificar unha rede de zonas naturais, seminaturais e doutro tipo de elementos ambientais que garantan a provisión de servizos ambientais e a protección da biodiversidade nestas zonas; ao tempo que aportan beneficios sociais, como a provisión de espazos atractivos para o ocio e o turismo; económicos, como a xeración de emprego; e ecolóxicos, como a conservación da biodiversidade, a adaptación ao cambio climático, ou a redución do risco de desastres naturais.
A conselleira recordou que a Infraestrutura Verde da Coruña vén de dar un paso significativo coa sinatura dunha declaración conxunta dos concellos que se integran neste espazo que sintetiza o traballo feito e o seu compromiso para levar a cabo as propostas priorizadas entre todos. De feito, esta mesma semana -e tras cinco meses de traballo- deuse por rematada a primeira fase que consistiu na identificación de puntos críticos, retos principais e propostas prioritarias para definir a futura infraestrutura verde da área da Coruña.
Agora toca comezar a tarefa de validar tecnicamente as propostas preliminares, converténdoas en proxectos de acción nos que se concreten xa con detalle os actores protagonistas, os orzamentos necesarios para levalos a cabo e unha axenda de traballo conxunta. A previsión da Xunta é que en novembro se presente a estratexia ante concellos e sociedade civil e, de cara a finais de ano, ter rematado o deseño e a definición do sistema de Infraestrutura Verde da Coruña.
Por último, a conselleira recordou que coa posta en marcha da Infraestrutura Verde de Galicia, a Comunidade galega e, tamén a área da Coruña, iniciaron xa o camiño para dar resposta ao requirimento do Goberno español en material ambiental e tamén ao definido por Europa.
- Te recomendamos -