Inicio Galicia A Amtega e os tres colexios profesionais das TIC desenvolverán este ano...

A Amtega e os tres colexios profesionais das TIC desenvolverán este ano máis dunha decena de actuacións no marco da Axenda Dixital 2020

0

A directora da Axencia autonómica asinou hoxe cos presidentes do Colexios Profesionais de Enxeñaría en Informática, de Enxeñaría Técnica en Informática e de Telecomunicación tres convenios de colaboración

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia continúa a desenvolver as medidas previstas na Axenda Dixital de Galicia 2020 en colaboración cos axentes do sector. Con este obxectivo, a directora da Amtega, Mar Pereira, e os presidentes do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática, Fernando Suárez; do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática, Marcos Mata; e da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións Julio Sánchez Agrelo, renovaron esta mañá a cooperación que veñen mantendo nos últimos anos coa sinatura de tres acordos con máis dunha decena de liñas de actuación, que se desenvolverán ao longo deste ano.

Cun orzamento público total de 135.000 euros as tres entidades porán en marcha novas actuacións como o Programa TechKids co CPEIG, para impulsar as vocacións STEM entre os máis novos; unha xornada de difusión sobre o 5G coa AETG ou unha campaña de sensibilización sobre a presenza das mulleres na informática co CPETIG. Estas iniciativas súmanse a outras xa consolidadas como unha nova edición da Xornada de Informática Xudicial e Delitos informáticos, o asesoramento en materia de telecomunicacións ou xornadas formativas para profesionais.

Colexio Profesional de Enxeñaría en InformáticaO CPEIG porá en marcha este ano o Programa Tech Kids para fomentar o interese pola tecnoloxía entre os rapaces de 10 a 16 anos con actividades como desenvolver aplicacións para dispositivos móbiles; deseñar e crear o seu propio videoxogo ou crear contidos dixitais. Todo isto para impulsar as vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas). O programa terá unha sesión inicial en Santiago para continuar con outras 20 xornadas en distintos puntos da Comunidade.

O CPEIG realizará tamén ata 6 cursos de distintas temáticas orientados a especialización de profesionais do ámbito TIC, que combinarán a modalidade semipresencial e de teleformación para facilitar a participación.

As actuacións previstas polo CPEIG completaranse con actividades de difusión para profesionais, organismos e empresas do sector TIC galego en temas de investigación, tendencias de mercado, innovación, etc.

Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en InformáticaO CPETIG celebrará a oitava edición da Xornada de Informática Xudicial e Delitos Informáticos, que reunirá un ano máis a reputados especialistas neste eido para abordar e debater as novidades derivadas da evolución tecnolóxica. Ademais o Colexio organizará a IV edición do Scratch Day, a xornada que une a pais, nais e fillos en torno á programación e a creación de videoxogos coa ferramenta Scracth.

Entre as novidades para este ano está, tamén, o curso sobre a normativa sobre protección de datos de carácter persoal para afondar no coñecemento da nova normativa en materia de Protección de Datos, das actuacións que se deben levar a cabo con motivo da adecuación obrigatoria ao novo Regulamento Xeral de Protección de Datos da UE e a figura do DPD (Delegado/a Protección Datos).

O CPETIG porá en marcha, tamén unha campaña sensibilización sobre a presenza das mulleres no ámbito tecnolóxico. A iniciativa dará especial visibilidade ás mulleres que foron esenciais no desenvolvemento da informática e a outras, que hoxe en día traballan no sector, buscando dende as súas experiencias romper ideas preconcibidas que afastan ás mulleres, dende idades moi temperás, da opción de escoller estudos vinculados á informática.

Asociación de Enxeñeiros de TelecomunicaciónA AETG desenvolverá actuacións de formación e capacitación en materia de telecomunicacións para profesionais deste ámbito e unha xornada dirixida á cidadanía sobre a tecnoloxía 5G.

Por outra banda, a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia levará a cabo un estudo sobre a calidade das redes de banda larga naquelas zonas da Comunidade que, polas súas características específicas, requiran de medidas de control concretas.

O acordo contempla, ademais, a posta á disposición dos concellos galegos dun servizo de asesoramento sobre normativa e solucións técnicas para o despregamento de infraestruturas de telecomunicación.


- Te recomendamos -