A Xunta reforza o apoio á Feira das Industrias Culturais na súa undécima edición, que terá lugar do 30 de novembro ao 2 de decembro en Pontevedra baixo o lema ‘Ti levas o compás’
A Consellería de Cultura e Educación reforza o seu compromiso coa organización de Culturgal, incrementando ata 65.000 euros a achega económica da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) á undécima edición da Feira das Industrias Culturais, que se desenvolverá no Pazo da Cultura de Pontevedra do 30 de novembro ao 2 de decembro.
Así o avanzou hoxe Jacobo Sutil, director da Agadic, durante a presentación das principais novidades de Culturgal 2018, na que participou xunto a Carmen Fouces, concelleira de Cultura de Pontevedra; Xosé Leal, deputado de Cultura da Deputación pontevedresa; Xulio Amigo, presidente da Asociación Culturgal; e Xosé Aldea, director do evento. Na súa intervención, Sutil explicou que este aumento de 10.000 euros respecto ao apoio do ano pasado deixa testemuño da decidida aposta da Xunta por esta feira e atende, ademais, á liña de crecemento na oferta de produtos e servizos das empresas culturais galegas.“Culturgal é un deses proxectos dos que nos sentimos especialmente partícipes, xa que atopamos nel a mellor expresión da potencialidade creativa de Galicia. Percibímolo, ademais, como un evento necesario para a dinamización da dobre vertente da nosa cultura, a artística e a económica, e como unha iniciativa amplamente compartida por toda a cidadanía, tanto polos profesionais do sector como polo público ao que estes se dirixen”, afirmou.
Precisamente a organización da feira quere concederlle ao público un especial protagonismo nesta edición baixo o lema ‘Ti levas o compás’. Esta é unha das novidades que se deron a coñecer hoxe xunto coa apertura dos prazos para a reserva de stands e para a achega de propostas de actividades de cara ao deseño da programación de 2018.
No caso dos expositores, o período de solicitude estenderase ata o 15 de novembro no caso de non esgotar antes o espazo dispoñible. En 2017 ocupáronse 120 stands nos máis de 5800 m2 que ocupou Culturgal no Pazo da Cultura de Pontevedra, incluíndo o Espazo de Arte Contemporánea que se incorporou por vez primeira o ano pasado.
En canto ás propostas de programación, o prazo permanecerá aberto ata o 1 de outubro. Neste apartado, a organización irá confirmando as actividades seleccionadas a medida que se reciban e se aprobe a súa inclusión na carteleira da feira. Como criterios para esta selección, teranse en conta a adecuación aos valores da Asociación Culturgal, como son a promoción e o desenvolvemento da lingua e da cultura galegas; a calidade do proxecto, a súa integración no contexto cultural galego, o seu carácter innovador, a complementariedade con outras propostas programadas e a súa viabilidade técnica, material e económica.
O obxectivo final será conformar unha undécima edición de Culturgal coa esixencia de mostrar a produción de calidade que xera este sector, así como de poñer en marcha accións que incidan na sostibilidade do proxecto. Como en 2017, a xornada inaugural volverá contar cunha programación específica para o público profesional.
Literatura histórica e espectáculos especiaisOutra das novidades anunciadas hoxe será o foco que o apartado dedicado ao libro porá no xénero da literatura histórica. Ademais, xa están programados os espectáculos en destaque deste nova edición, que foron elixidos tras unha primeira convocatoria aberta o pasado mes de abril: a produción teatral Sofía e as postsocráticas, de Inversa Teatro, para a noite do venres 30; un concerto de Carlos Núñez para o sábado 1 de decembro, e as propostas para público familiar de Oviravai e de Xoán Curiel para o domingo 2.
A feira está promovida pola Asociación Culturgal, que engloba á súa vez as asociacións profesionais máis representativas do sector: Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Dedicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).
A súa organización é, ademais, o resultado dun modelo de colaboración entre as industrias culturais e as institucións que achegan o seu patrocinio: a Xunta de Galicia como principal apoio, ademais do Concello de Pontevedra e das deputacións provinciais de Pontevedra e A Coruña.
- Te recomendamos -