Inicio Galicia A Xunta achega 90.000 euros para mellorar os accesos A Ribas Pequenas,...

A Xunta achega 90.000 euros para mellorar os accesos A Ribas Pequenas, Eimer e outros núcleos de Bóveda

0

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, visitou o municipio e incidiu na necesidade de manter en bo estado as infraestruturas rurais para incrementar a seguridade viaria e facilitar as actividades económicas

A Consellería do Medio Rural investirá 90.150 euros na rehabilitación de varios camiños de acceso a núcleos rurais do municipio de Bóveda, entre eles Ribas Pequenas, Eimer, A Parrocha, A Lagoa ou Vales.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe algúns dos lugares de actuación acompañado polo alcalde, José Manuel Arias, e destacou a importancia de manter en bo estado as infraestruturas rurais “para incrementar a seguridade viaria e facilitar o desenvolvemento de actividades económicas”.

En conxunto, explicou o delegado, actuarase en diversos tramos que suman preto de 5 quilómetros de lonxitude, cun ancho medio de 4 metros. Os traballos consistirán na reparación das deformacións que puidera presentar o pavimento, mellora xeral do firme e limpeza de cunetas, para que circulen as augas de escorrentía e evitar novos danos ao camiño.

As obras máis avanzadas son as dos accesos a Eimer, dúas vías que prestan servizo a este núcleo e parten de San Fiz -chegando unha delas ata o límite co municipio do Corgo- nas que se arranxarán en total 2,3 quilómetros cun investimento 44.420 euros. Está previsto que estean rematadas a finais do vindeiro mes de xuño.

Igualmente, está previsto executar nos próximos meses as obras dos accesos a Ribas Pequenas, preto de 2 quilómetros tanto no camiño que parte da estrada LU-P-0901 como no que parte da LU-652, chegando ambos ao límite co concello de Monforte de Lemos.

Na mesma actuación, que alcanza un investimento de 45.733 euros, está previsto o arranxo dun camiño de 545 metros en Teilán (entre as estradas LU-611 e LU-646), que da servizo a varios núcleos do entorno. 


- Te recomendamos -