Inicio Galicia A Xunta destinará case 23 millóns de euros este ano para dar...

A Xunta destinará case 23 millóns de euros este ano para dar cobertura ás 2.348 prazas en centros de maiores na provincia de A Coruña

0

O delegado territorial destacou que na cidade Coruña a Xunta pon a disposición dos cidadáns 311 prazas que suporán un custe de case 3 millóns este ano

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá a residencia de maiores Concepción Arenal e fixo balance da inversión que a Xunta de Galicia fará este ano para dar cobertura ás 311 prazas sostidas con fondos públicos que oferta na cidade da Coruña en residencias de maiores e que suporán unha inversión de case 3 millóns de euros en 2018. Esta cifra increméntase se lle sumamos as prazas que oferta a Xunta na provincia na que investirá, no 2018, case 23 millóns para cubrir as 2.348 prazas que pon a disposición dos cidadáns nesta área.

Ovidio Rodeiro destacou o importante esforzo que se está a facer dende Política Social para mellorar a calidade de vida dos nosos maiores. Neste senso apuntou que “unha das claves da calidade dos servizos na nosa comunidade ten que ver coa colaboración estreita da Xunta de Galicia con todas as asociacións, os axentes sociais e as entidades privadas que teñen como obxecto atender aos nosos maiores, sen elas sería moito máis difícil ofrecer servizos de calidade e adaptados as necesidades reais dos nosos maiores”, afirmou.

O delegado territorial sinalou que os maiores son unha prioridade para a Xunta de Galicia e lembrou que nos orzamentos autonómicos de 2018 “incrementamos en máis dun 11% os recursos económicos dirixidos a eles con respecto ao ano pasado, chegando aos 310 millóns de euros”, afirmou.

Este aumento orzamentario está permitir consolidar a rede de prazas residenciais e de atención diúrna; potenciar os coidados profesionais na contorna familiar a través do Servizo de Axuda no Fogar e os programas de Teleasistencia e Xantar na Casa; e ampliar o número de dependentes galegos que reciben prestación e que na actualidade supera xa os 55.000. Así mesmo a Xunta está a mellorar a oferta de actividades de ocio, formación e tempo libre dos maiores para que manteñan un modo de vida activo.

Este centro de referencia na cidade conta con 150 prazas residenciais. Está situado no corazón da cidade e ten excelentes comunicacións. Foi deseñado con grandes e luminosos espazos abertos e con amplas terrazas. Está distribuído en diferentes unidades de convivencia independentes, onde residen as persoas segundo as súas necesidades. Entre os servizos que se prestan no centro destacan os de atención sanitaria, médica, de enfermería e psicolóxica. Ademais poñen a disposición dos usuarios un departamento de fisioterapia, terapia ocupacional e animación sociocultural, podoloxía e servizo de perruquería.  


- Te recomendamos -