Inicio Galicia As Feiras do Libro de Galicia recalan en Santiago de Compostela do...

As Feiras do Libro de Galicia recalan en Santiago de Compostela do 28 de abril ao 6 de maio

0

A cidade convértese nun punto de encontro para autores e lectores e cita cultural de referencia, con máis de 40 actividades durante os seus nove días de duración

A XXXVII Feira do Libro de Santiago de Compostela abre as súas portas mañá sábado no céntrico Paseo da Alameda, onde os stands das librarías estarán presentes ata o domingo 6 de maio. Trátase dunha cita anual que se converte en referente, tanto pola súa duración, nove días, como pola cantidade de actividades que se organizan ao seu redor, máis de 40. Alvarellos Editora, Editorial Galaxia, Libraría Pedreira, Arigató Ribeira, Aenea, Ler Librerías, Urco Editora, Libraría Cortizas, a Deputación da Coruña e a Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal terán presenza no recinto, a terceira convocatoria do calendario das Feiras do Libro de Galicia 2018.

Para o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que participou hoxe na presentación do evento, a feira é unha oportunidade para composteláns e visitantes de conversar cos seus autores e autoras favoritos e de participar nunha chea de actividades culturais que acompañan este encontro anual. Na rolda de prensa participaron tamén o vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia, Xosé Antón Pedreira, e a concelleira de Igualdade do Concello de Santiago de Compostela, Marta Lois.

O secretario xeral de Cultura destacou a especial presenza nesta cita de María Victoria Moreno, a autora homenaxeada nas Letras Galegas 2018, “non só a través do lema das deste ano, Ler sen fronteiras, senón en presentacións de libros dedicados á súa traxectoria ou en actividades que procuran descubrírllela aos máis pequenos de xeito divertido e didáctico”. Lorenzo quixo destacar a presenza na feira da “Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, como non podía ser doutro xeito, dado o seu estreito vínculo cos lectores. Sen dúbida, un referente na cidade, que acaba de celebrar o seu décimo aniversario”.

Un percorrido por 16 concellos en seis mesesA capital de Galicia é a terceira cita do calendario das Feiras do Libro de Galicia 2018, que irán despois ao Porriño, onde se desenvolverán do 10 ao 13 de maio; á cidade de Lugo, do 15 ao 20 de maio; ao concello de Ourense, do 30 de maio ao 6 de xuño; e ao concello de Redondela, do 7 ao 10 de xuño.

Xa no inicio do verán, as citas serán nos municipios de Ribeira, do 21 ao 24 de xuño; de Vigo, do 28 de xuño ao 7 de xullo; de Sanxenxo, entre o 10 e o 15 de xullo, de Rianxo, do 19 ao 22 de xullo e de Ponteareas, do 22 ao 29 de xullo. Pecharán a edición de 2018, no mes de agosto, na Coruña, desde o 1 ata o día 10; en Viveiro, do día 11 ao 15; en Foz, entre o 16 e o 19; e, finalmente, en Monforte de Lemos, do día 22 ao 25.


- Te recomendamos -