Precisa que os últimos datos proban que a FP é hoxe sinónimo de inserción laboral, con 8 de cada 10 titulados con emprego; e de emprendemento, cunha rede de 26 viveiros de empresa que acompañaron os primeiros pasos de 29 empresas
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse esta mañá á formación profesional como a mellor fórmula para mesturar a educación co tecido produtivo. Ademais, destacou que desde o curso 2008-2009 o número de matriculados en formación profesional se incrementou en preto do 50%.
Durante a celebración da terceira edición de FP Innova, Feijóo aseverou que os últimos datos proban que a formación profesional é hoxe sinónimo de inserción laboral, con 8 de cada 10 titulados con emprego; de emprendemento, cunha rede de 26 viveiros de empresa que acompañaron os primeiros pasos de 29 empresas; e de calidade, como proba o feito de que oito alumnos galegos se alzaron cunha medalla no campionato SpainSkills do ano pasado.
Así mesmo, e como exemplo de que a formación profesional significa innovación, recordou que para impulsar a innovación destes centros a Xunta está a destinar, neste 2018, o orzamento máis grande da nosa historia.
Co obxectivo de facer unha FP cada vez máis vinculada ao mundo empresarial, o titular do Goberno galego destacou a necesidade de contar co apoio e colaboración doutras administracións así como do tecido producido. Nesta liña referiuse ao proxecto de construción en Vigo do primeiro campus FP de España.
Por outra banda, Feijóo recordou que a celebración a semana pasada da primeira edición de STEMLab Galicia demostrou que tamén hai ganas de innovar entre os alumnos e as súas habilidades en ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas.
Feijóo concluíu agradecendo a implicación dos centros, dos alumnos e dos profesores, así como das empresas que participan neste congreso. En total máis de 8000 persoas visitarán FP Innova que se converterá nun escaparate para os 25 centros e os 47 proxectos que se expoñen: 30 de innovación e 17 de miniempresas.
- Te recomendamos -