Inicio Galicia Ethel Vázquez destaca que o avance na execución da variante de Aradas,...

Ethel Vázquez destaca que o avance na execución da variante de Aradas, en Santiago, permitirá adiantar a súa posta en servizo ao comezo do 2019

0

Vázquez Mourelle, xunto cos representantes da Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, comprobou os progresos da actuación, iniciada a finais do verán pasado, e nas que investirá máis de 6.9 millóns de euros

A Conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, destacou hoxe que o avance na execución da variante de Aradas, en Santiago, permitirá adiantar a súa posta en servizo ao comezo do 2019, “unha infraestrutura estratéxica que contribuirá a reforzar a competitividade do parque empresarial e que actuará de variante de toda a zona norte da capital”.

A titular de Infraestruturas do Goberno galego, xunto cos representantes da Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, quixo comprobar a pé de obra os progresos da actuación, iniciada a finais do verán pasado, e nas que a consellería está a investir máis de 6.9 millóns de euros.

Vázquez Mourelle salientou que a día de hoxe está executado o 30% da obra, onde a parte máis adiantada coincide co movemento de terras, estando aberta xa toda a traza. Concretou que neste intre se está a traballar na construción das tres estruturas. O paso inferior está practicamente feito, o viaduto do Sarela están coa execución dos estribos, e na zona do paso superior se amosan xa os estribos, quedando pendente o taboleiro.

Segundo lembrou, o trazado desta nova vía, que terá unha lonxitude de 1,6 quilómetros, comeza cunha rotonda no cruce das estradas de Santa Comba e de Trazo, onde se dotará de iluminación e sendas peonís para facilitar os desprazamentos dos veciños nunha zona na que existen vivendas próximas. E continúa, seguiu explicando, salvando o río Sarela, coa construción dun viaduto de preto de 120 metros de lonxitude, para ascender ata pasar polo norte do núcleo de Vilares e alcanzando finalmente a cota da vía do Polígono do Tambre, na intersección coas vías Marconi e Nobel, onde se emprazará unha segunda rotonda.

Ethel Vázquez incidiu en como esta nova vía actuará de variante de toda a zona norte de Santiago, comunicando o Tambre coas estradas a Santa Comba e Trazo, e canalizando os tráficos procedentes dos concellos próximos que se acheguen ata esta zona industrial ou cara ás vías situadas ao leste da cidade, como a AP-9. Unha vez construída, sinalou, a variante de Aradas aliviará o tráfico nas rúas compostelás, permitindo que se retiren de Vite e de Vista Alegre preto de 4.000 vehículos diarios, a metade deles pesados.

A titular do departamento de Infraestruturas da Xunta, referiu como esta actuación, que favorecerá a mobilidade dos vehículos cara ao polígono do Tambre, ven a sumarse á intervención prevista no tránsito dos peregrinos, no Camiño Inglés, entre o Tambre e o cruce de Meixonfrío. Intervención que, segundo lembrou, trata de mellorar e embelecer o Camiño Inglés ao seu paso por este parque empresarial, facendo compatible a actividade industrial cunha experiencia positiva do peregrino á súa entrada en Compostela. E na que nestes intres, recordou, se está a ultimar os proxectos, de xeito coordinado co Concello, para licitar as obras a mediados deste ano, e que contarán cun investimento da consellería próximo aos 1,6 millóns de euros. 


- Te recomendamos -