Inicio Galicia A Xunta avanza nun proxecto pioneiro para mobilizar terras agrarias no concello...

A Xunta avanza nun proxecto pioneiro para mobilizar terras agrarias no concello de Arnoia para a produción de pemento

0

A conselleira e o alcalde deste municipio ourensán mantiveron hoxe unha xuntanza para estudar a situación actual deste proxecto, que engloba unha superficie de 1,63 hectáreas

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reuniuse esta mañá co alcalde do concello de Arnoia, Rodrigo Aparicio, para analizar a situación actual do proxecto de mobilización de terras agrarias neste municipio ourensán con destino á produción do pemento de Arnoia.

Este proxecto, levado a cabo pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), comezou cunha primeira fase de recoñecemento de predios abandonados susceptibles para ser postos en funcionamento para o cultivo de pemento. Así, delimitouse unha zona de estudo de 1,63 hectáreas repartidas en tres áreas de actuación: zona de Quinteiros (cunha superficie aproximada de 0,32 ha), zona da Paixón (con 0,25 ha) e zona do Pomar (1,13 ha). En total, contabilizáronse 105 parcelas de pequena dimensión pertencentes a 76 propietarios.

Agora comezará unha segunda fase, adiantou a conselleira, que consistirá na realización de arrendamentos pactados entre particulares, con produtores interesados no cultivo a pequena escala desta hortaliza. Neste senso, a titular de Medio Rural salientou a boa acollida desta iniciativa entre os veciños, porque loita contra o abandono de terras ao tempo que favorece ás explotacións da zona e, polo tanto, dinamiza económica e socialmente o entorno.

Ferramentas para a mobilidade de terrasPrecisamente evitar o abandono de terras é unha das prioridades do departamento que dirixe Ángeles Vázquez. Para iso, creáronse distintas ferramentas que comparten o mesmo fin: a dinamización dos terreos para que sexan produtivos.

Neste sentido, destacan as reestruturacións parcelarias, pero para lograr unha ferramenta máis rápida creouse o modelo Marcos, un novo instrumento de reestruturación parcelaria máis áxil e de baixo custo para facilitar a mobilidade en zonas de pequeno tamaño (entre 50 e 200 hectáreas).

Ademais de proxectos puntuais en distintos lugares de Galicia, destaca tamén a cesión de predios sen interese agrario do Banco de Terras a diversos concellos de Galicia para o uso e desfrute dos veciños. 


- Te recomendamos -