Ofértanse 9870 prazas -298 máis que na edición anterior- en campamentos, campos de traballo e outras accións de verán que terán lugar nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro en albergues e instalacións xuvenís de toda xeografía galega
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acompañado da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, deu a coñecer esta mañá a Campaña de Verán 2018 da Xunta de Galicia, que baixo a lenda Vive a túa aventura pon a disposición da mocidade galega e das súas familias un recurso de conciliación estival e de ocio educativo de primeiro nivel. O acto de presentación desta nova edición do programa de campamentos xuvenís tivo lugar nas dependencias administrativas de San Lázaro e coincide coa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) das ordes que rexen a convocatoria desta campaña.
Na súa intervención, Rey Varela salientou que, de novo, a programación estival da Xunta “volve ser un referente en España, ofrecendo á xente nova non só de Galicia senón tamén doutras rexións e mesmo do estranxeiro unha atractiva programación que converte a nosa comunidade nun destino preferente nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro”. Nesta liña, engadiu que a oferta de verán que propón a Xunta ten como finalidade que “a mocidade desfrute participando en actividades de ocio e tamén formativas na procura de que o verán sexa un tempo para divertirse e tamén para o enriquecemento persoal”.
Ademais, o titular de Política Social apuntou que esta nova acción de verán responde a tres obxectivos principais: favorecer a inclusión dos mozos e mozas con discapacidade e daqueles que estean atravesando unha difícil situación persoal ou familiar; fomentar a mobilidade e o intercambio cultural; así como facilitar a conciliación das familias.
A Campaña de Verán 2018 presenta entre as súas principais novidades o incremento, unha edición máis, do número de prazas ofertadas, que ascende a 9870, 298 máis que na programación do exercicio anterior; así como un maior investimento ata chegar aos 3,2 millóns de euros, o que supón un aumento do 8%. Outras melloras son a incorporación de dúas novas instalacións ás ofertadas en 2017 e a posta en marcha de dúas novas iniciativas para o fomento das vocacións tecnolóxicas entre os máis novos.
Máis equipamentos e novas temáticasAsí, á listaxe de equipamentos súmanse este verán a Escola de Agricultura Ecolóxica Vilasantar na Coruña, onde se desenvolverá do 2 ao 8 de xullo un novo campamento que permite incorporar á programación a temática do achegamento á agricultura ecolóxica e a posta en valor do medio rural; e o albergue da estación de ferrocarril A Vilavella no concello ourensán da Mezquita, onde se celebrará un campamento de multiaventura.
Ademais, inclúense na campaña deste ano dous campamentos tecnolóxicos que se desenvolverán no albergue de Gandarío, emprazado no municipio coruñés de Bergondo, do 1 ao 8 de setembro e que se dirixe a mozos e mozas de 12 a 14 anos. Os participantes nestas accións coñecerán as ferramentas necesarias para crear animacións de vídeo para representacións nocturnas sobre edificios e achegaranse aos fundamentos básicos que permiten a creación, control, o voo e o funcionamento dun dron.
Os campamentos de verán da Xunta de Galicia teñen un marcado carácter inclusivo ao reservar un centenar de prazas para nenos, nenas e adolescentes en situación de tutela ou garda da Xunta, outras 52 para fillos e fillas de mulleres vítimas da violencia de xénero e 230 para xente nova con discapacidade. Das prazas reservadas para este último colectivo, 60 enmárcanse na convocatoria xeral que realiza a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado; e as 170 restantes correspóndense cos campamentos de verán específicos para persoas con discapacidade que dependen da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade e cuxa programación completa farase pública pasadomañá venres. Ao respecto desta última convocatoria, as principais novidades fronte a do exercicio anterior son o incremento en 20 prazas e a inclusión dunha nova instalación onde se desenvolverán estes campamentos: a Residencia de Tempo Libre do Carballiño, en Ourense; que se suma así á de Panxón, no municipio pontevedrés de Nigrán, e ao albergue de Gandarío.
O programa da Campaña de Verán 2018 contempla os campamentos para nenos, nenas e adolescentes; campamentos noutras comunidades autónomas; as actividades para maiores de 18 anos; a oferta concertada; os campos de traballo e as accións para mozos e mozas descendestes de galegos residentes no exterior. O maior investimento económico na iniciativa permite incrementar o número de prazas en case toda esta ampla oferta.
Así, os campamentos organizados nas instalacións xuvenís da Xunta para menores entre os 9 e os 17 anos de idade ofertan 6483 prazas nun total de 25 albergues e instalacións distribuídos por toda a xeografía galega. Dentro destes campamentos organízanse actividades de ocio educativo e de diferentes temáticas, como actividades náuticas, coñecemento do medio natural, dramatización e expresión cultural, xogos tradicionais ou deportes de multiaventura, entre outras.
Tamén se ofertan outras 315 prazas para que rapaces e rapazas galegos poidan participar en campamentos de intercambio con outras comunidades, concretamente no País Vasco, Castela e León, Estremadura, A Rioxa, Madrid e Cantabria. A xente nova destas rexións de España tamén poderán vir a Galicia para participar nos nosos campamentos. Así mesmo, e como vén sendo habitual nas últimas convocatorias, resérvanse 230 prazas para facilitar a participación de descendentes de emigrantes galegos.
Campos de traballoNo que atinxe aos campos de traballo, esta tempada estival terán lugar no territorio galego un total de 28, nos que os participantes realizarán tarefas de tipo medioambiental, arqueolóxicas, de restauración, culturais e patrimoniais, audiovisuais e de fomento do emprendemento, así como labores propios da organización dun festival. Esta Campaña de Verán 2018 oferta 925 prazas en campos de traballo, das cales 603 son para a mocidade galega e as restantes para participantes doutras comunidades autónomas e do estranxeiro, así como para voluntarios procedentes da Galicia exterior.
Así mesmo, os rapaces e rapazas da nosa comunidade poderán asistir a campos de traballo noutros puntos de España e en países europeos como Francia Alemaña, Bélxica, Italia, Grecia, Países Baixos, República Checa, Estonia, Letonia, Serbia, Ucraína, Islandia, Armenia Turquía; e incluso de fóra de Europa como Camboia, China, Filipinas, Hong-Kong, Xapón, Corea do Sur, Taiwán, Nepal, India e México.
Por último, a Xunta mantén a oferta da programación dirixida para xente nova con idades comprendidas entre os 18 e os 30, con 240 prazas dispoñibles; así como a oferta de prazas concertadas que volve ser este verán de 1195. Os concellos, asociacións xuvenís, grupos informais de mozos e mozas e outros colectivos poderán facer uso desta oferta para organizar actividades en albergues e campamentos da Xunta.
- Te recomendamos -