O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe nun networking no que escoitou as suxestións dos empresarios, emprendedores e comerciantes deste concello
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu hoxe en Redondela a un networking con empresarios e comerciantes da zona enmarcado na rolda que está a realizar para presentar a estes colectivos as medidas e servizos que a Consellería de Economía, Emprego e Industria ofrece para impulsar a súa actividade, tanto no relativo aos novos negocios como para apoiar os que xa están en marcha.
No encontro, Conde destacou a Lei de implantación empresarial e as súas vantaxes para o desenvolvemento de iniciativas empresariais e industriais en Galicia. Así, as compañías interesadas en implantarse na Comunidade contarán cunha maior simplificación administrativa, máis facilidades no acceso ao solo industrial e máis incentivos fiscais. Neste sentido, insistiu no importante papel que teñen os Concellos Emprendedores para conseguir estes obxectivos e lembrou que un de cada tres municipios xa se adheriu a este convenio ou está en vías de facelo, como é o caso de Redondela.
Ao longo da reunión tamén se explicaron os apoios activados en materia de emprego -tanto en ordes destinadas a autónomos, contratación en pemes, unidades formativas para ocupados e desempregados, como obradoiros duais-; e os apoios que a Xunta puxo este ano en marcha dirixidos ao pequeno comercio e, en concreto, ao asociacionismo comercial para optar aos 2,5 millóns de euros destinados tanto á dinamización comercial, fidelización e mellora da competitividade de centros comerciais abertos e asociacións de praceiros, como para a revitalización do comercio a través de apoios a asociacións de ámbito superior ao municipal ou federacións. Precisamente, nos dous últimos anos, a Consellería de Economía, Emprego e Industria otorgou neste concello 1,2 millóns de euros en axudas, a maioría delas destinadas ao impulso do emprego e do comercio.
Ao longo do encontro, os asistentes tiveron a oportunidade de coñecer os servizos e axudas que ofrece a Consellería a través do Igape, tanto desde o punto de vista do nacemento dunha idea ata a decisión de crear unha compañía, como para a súa consolidación e posterior internacionalización. Así, en materia de financiamento, a Xunta puxo en marcha unha nova edición do programa Galicia 1000 co que se pretende chegar a máis de 3000 empresas e mobilizar 500 millóns de euros en proxectos.
- Te recomendamos -