Inicio Galicia Román Rodríguez salienta que a educación dixital en Galicia é referente en...

Román Rodríguez salienta que a educación dixital en Galicia é referente en todo o Estado

0

O conselleiro de Cultura e Educación inaugurou esta mañá a xornada ‘Educación dixital’, na que 600 docentes reciben formación arredor deste ámbito

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, inaugurou hoxe a xornada Educación dixital, na que 600 docentes de toda Galicia reciben formación arredor deste ámbito no que, segundo salientou Rodríguez, o sistema educativo galego está á vangarda.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia destacou o éxito de STEMLab, a maior feira de STEM realizada en Galicia, que celebrou onte en Santiago de Compostela a súa primeira edición. Non en balde, participaron neste encontro 3000 alumnos de toda Galicia e contouse con persoeiros do nivel de Ángel Carracedo, Pedro Duque ou África González. A cita foi, ademais, unha mostra “de talento e creatividade plasmadas nos diferentes proxectos expostos”, desenvolvidos polos centros educativos galegos.

Román Rodríguez enmarcou a STEMLab na estratexia do Goberno galego en educación dixital, Edudixital 2020, “unha aposta dixital, no marco da que estamos levando a cabo iniciativas pioneiras como os Clubs de Ciencia ou a Semana STEM, que se complementarán con outras novas medidas como a Stemweek, os espazos maker ou a creación do Bacharelato de Excelencia en ciencias e tecnoloxía”. A través destas medidas, os obxectivos do plan pasan por que todo o alumnado curse formación en robótica e programación no ano de remate da estratexia, que 20.000 estudantes galegos se formen completamente de forma dixital para o curso 2020/21, así como rematar coa fenda de xénero nas ensinanzas científicas.

Formación específica do profesoradoRomán Rodríguez explicou que o cambio de mentalidade que supón a introdución de estratexias de transformación dixital e tecnolóxica en todas as disciplinas e profesións “adquire, se cabe, unha dimensión maior, posto que calquera avance social comeza polas aulas”. Por iso, agradeceu a implicación dos docentes no desenvolvemento desta estratexia, como “columna vertebral do sistema educativo” que son.

Neste sentido explicou que a estratexia susténtase nun completo programa de formación do profesorado, no que se levan desenvolvidas 500 actividades formativas con participación de máis de 5000 profesores, arredor de temáticas como as TIC, a robótica, a impresión 3D ou a programación, entre outras vinculadas coa educación STEM. De feito, este curso púxose en marcha un plan de formación específico en Robótica, Programación e Impresión 3D, dirixido aos profesionais que traballan dun xeito máis directo nas ensinanzas tecnolóxicas.

Conferencias e experienciasOrganizada no marco de STEMLab Galicia, a xornada Educación dixital desenvolverase ao longo do día de hoxe no Pazo de Congresos de Santiago, e divídese en catro tipos de actividades: conferencias, obradoiros, laboratorios de ideas e experiencias; todas elas vinculadas co eido STEM.

No caso das experiencias, profesores de 17 centros de ensino amosarán os seus proxectos propios en ámbitos como o abalarMóbil, a realidade virtual, ou a creación de aplicacións para os teléfonos intelixentes. En concreto, participarán os CEIPS Balaídos (Vigo), Viñagrande-Deiro (Vilanova de Arousa), Ponte dos Brozos (Arteixo), Valle Inclán (O Grove), Frián-Teis (Vigo), Vicente Arias de la Maza (Lalín) e o CPI San Vicente (A Baña). Así mesmo, darán conta do seu traballo os IES Sánchez Cantón (Pontevedra), Daviña Rey (Monforte de Lemos), Maruxa Mallo (Ordes), Miraflores (Oleiros), Marco do Camballón (Vila de Cruces), Terra de Turonio (Gondomar), de Brión, de Salvaterra de Miño, Alfredo Brañas (Carballo), Illa de Ons (Bueu), Isaac Díaz Pardo (Sada) e Eduardo Pondal (Ponteceso), así como a Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela. 


- Te recomendamos -