Inicio Galicia Sanidade traballa na actualización da Guía de apoio para o programa do...

Sanidade traballa na actualización da Guía de apoio para o programa do neno san

0

Neste momento, xa ten formado un grupo de traballo

A Consellería de Sanidade ten formado xa un grupo de traballo para proceder á actualización da Guía de apoio para o programa do neno san. “Unha magnífica guía que precisaba unha actualización”. Así o sinalou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, no acto de inauguración da XII Reunión anual da Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria.

O Programa do neno san protocoliza as actuacións en educación sanitaria, dirixidas aos nenos e nenas e ás familias, así como as actividades preventivas e de detección precoz dos problemas de saúde máis habituais, marcando a idade oportuna e a periodicidade da súa realización.

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego remarcou, así mesmo, que a Estratexia Sergas 2020 recolle, en relación á atención pediátrica, varias liñas e proxectos nos que o seu departamento traballa de xeito progresivo. Entre estas iniciativas citou a protección da lactancia materna, a potenciación da atención a problemas de saúde mental infanto-xuvenil; a abordaxe integral da dor infantil; a detección e intervención ante o maltrato infantil; e a mellora da atención a pacientes con obesidade infantil.

Na súa intervención, o conselleiro de Sanidade destacou, tamén, o importante desenvolvemento de recursos preventivos e terapéuticos da pediatría nos últimos anos, que posibilitaron dar resposta a enfermidades ata hai pouco mortais. Nesta destacadísima evolución as vacinas, -dixo Almuiña-, foron o determinante principal.

Asemade, Almuiña dixo que o seu departamento vén de poñer en marcha unha aplicación gratuita denominada VACGAL, que permite a todos os usuarios con tarxeta sanitaria coñecer o calendario de vacinación vixente ou as vacinacións en viaxes. Tamén posibilita tramitar citas para vacinarse, recibir recordatorios sobre inmunizacións pendentes, ou consultar, en calquera momento, os datos que ten o programa sobre a vacinación propia ou das persoas a cargo. 


- Te recomendamos -