Festexouse o Día Internacional do Circo con actividades, de balde e para a cativada, vinculadas con esta temática
Cidade Imaxinaria Primavera ateigou esta tarde de sábado a Praza Central da Cidade da Cultura de Galicia de espectáculos, xogos, música e obradoiros de temática circense para festexar a chegada da primavera e tamén o Día Internacional do Circo con catro horas ininterrompidas de diversión en familia, de entrada libre e de balde.
A Cidade Imaxinaria Primavera consistiu nunha réplica da tradicional xornada lúdica que desde hai oito anos se celebra todos os agostos na Cidade da Cultura de Galicia e que, este ano, se convocou tamén nesta estación para festexar a chegada do bo tempo e a posibilidade de gozar dunha divertida tarde familiar ao aire libre.
Deste xeito, recolleu o espírito de diversión e festa da cita tradicional da cita do verán —que este ano se celebrará o 25 de agosto— e ofreceu catro horas ininterrompidas (de 16 a 20 horas) de espectáculos, música e xogos, nos que mergullarse na ilusión e fantasía circenses á quen se homenaxeaba pola coincidencia co seu día grande.
Malabaristas, trapecistas, equilibristas, saltimbanquis e clowns conquistaron todos os recunchos da Praza Central da Cidade da Cultura, compartindo espazo e programación con músicas, danzas, xogos, teatro e fabulosas historias en formato de contacontos ou de representacións con monicreques.
Xogos e espectáculos de circo, maxia e danzaEspectáculos e obradoiros de novo circo, clowns e maxia cos que grandes e pequenos puideron gozaron dunha tarde en familia na Cidade da Cultura, e que se viu completada por divertidas actuacións itinerantes, entre as que se atoparon concertos á carta de antropomorfos caracois en bicicleta ou enxeñosas e virtuosas coreografías de danza en xigantescos zancos.
A Praza Central do Gaiás fixo tamén un oco para que se instalara unha caravana, que abriu as súas portas á cativada para viaxar, a través de cancións, contacontos, monicreques e moitas risas, por relatos a prol da igualdade e que procuran, arrincando moitos sorrisos, rachar, desde a infancia, cos estereotipos sexistas.
A programación ininterrompida de catro horas de Cidade Imaxinaria Primavera tamén permitiu que nenos e nenas participen e se marabillasen xuntos coas súas familias en imaxinativas propostas como treboadas de confeti de cores dentro dunha gran burbulla xigante.
Espectáculos de diversión innovadores que se deron a man, nun mesmo espazo, con xogos tradicionais como os de Hélder, simples trebellos de corda e madeira que ao longo do tempo atrapan e cativan o todos os que os proban, independentemente da idade.
Zona de petiscos e unha guía de actividadesCidade Imaxinaria Primavera contou, ao igual que na cita tradicional do verán, con zonas de lecer para tomarse un descanso ou repor enerxías con postos de petiscos e larpeiradas e con reforzo no servizo de buses que se sumaron ás habituais Liñas 9 e 11, que conectan o Gaiás co centro de Compostela para facilitar vir gozar desta xornada festeira.
- Te recomendamos -