Inicio Galicia A Xunta apoia un modelo educativo que promova a equidade entre mulleres...

A Xunta apoia un modelo educativo que promova a equidade entre mulleres e homes

0

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou esta tarde na inauguración das VI Xornadas de centros para unha convivencia positiva no IES Fontexería de Muros

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella indicou esta tarde que o Goberno galego apoia o impulso do cambios de valores, actitudes, roles e estereotipos que sustentan a desigualdade de xénero a través un modelo educativo que promova a equidade entre mulleres e homes.

Susana López Abella participou na inauguración das VI Xornadas de centros para unha convivencia positiva, no IES Fontexería de Muros, onde destacou que este cambio de roles, estereotipos e actitudes sexistas aínda presentes na nosa sociedade perpetúan as desigualdades, polo que se fai preciso abordar un cambio máis profundo dos nosos valores e ideas, no que o sistema educativo é o ámbito privilexiado para estimular estas transformacións, cambios que deben implicar o conxunto da comunidade educativa.

Concretamente, dende a Xunta estase traballando para avanzar nun modelo educativo baseado na coeducación, en promover a igualdade de xénero na organización e xestión dos centros educativos, impulsando unha orientación académica e profesional libre de estereotipos, consolidando o enfoque de xénero e das mulleres na actividade académica, científica, tecnolóxica e de innovación, impulsando modelos igualitarios nas relacións afectivo sexuais e promovendo valores e actitudes inclusivas e normalizadoras respecto da orientación sexual e as identidades de xénero.

Segundo explicou López Abella na súa intervención, a coeducación supón unha estratexia de intervención educativa que parte da revisión das pautas sexistas da sociedade, cos obxectivos, por unha banda, de promover un desenvolvemento integral da persoa, libre da limitación imposta polos estereotipos de xénero, á vez que produce cambios no pensamento, nas actitudes e no comportamento, na visión e interpretación do mundo no alumnado. Por outra, implica previr, compensar ou erradicar as desigualdades por razóns de sexo e xénero.

Cómpre, pois, impulsar iniciativas para que os centros educativos integren o principio de igualdade nos aspectos de organización e xestión e achegar mecanismos e pautas de actuación para que as e os profesionais que desenvolven o seu labor no eido educativo poidan abordar as distintas formas de violencia e de condutas contrarias á convivencia por razón de xénero que teñen lugar nestes espazos. 


- Te recomendamos -