Inicio Galicia Cultura convocará un novo premio de investigación para conmemorar a figura de...

Cultura convocará un novo premio de investigación para conmemorar a figura de Otero Pedrayo

0

O conselleiro, Román Rodríguez, anunciouno esta tarde no marco do simposio ‘Otero en Compostela: os anos máis felices’

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, anunciou esta tarde que o seu departamento ten previsto crear un novo premio de investigación –en colaboración coa Fundación Otero Pedrayo– para conmemorar a figura do intelectual ourensán. Fíxoo no marco do simposio Os anos máis felices: Otero en Compostela, co que se afonda no labor académico, como catedrático de Xeografía da USC, e creativo de Pedrayo en Santiago, e que se celebra no Pazo de Fonseca.

O titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia explicou que o novo galardón, que se denominará Premio de investigación en cultura, paisaxe e patrimonio galego Ramón Otero Pedrayo, terá como obxectivo recoñecer aqueles traballos que melloren o coñecemento xeográfico e paisaxístico de Galicia e fomenten boas prácticas nestes eidos, fundamentais para o noso desenvolvemento territorial. Neste sentido lembrou que este tipo de iniciativas complementan outras postas en marcha, como o feito de que o seguinte curso se impartirá por primeira vez, de xeito compartido entre as universidades da Coruña e Santiago, o grao en Paisaxe.

Román Rodríguez quixo salientar o labor de Otero Pedrayo como xeógrafo, dando a coñecer “as diferentes comarcas, as propiedades e as características da paisaxe de Galicia, en diálogo constante co home, coa súa actividade sobre o territorio e coa súa actitude perante o mesmo”. “Otero Pedrayo foi o autor que lle deu un carácter literario de valor universal á descrición física da nosa paisaxe galega, que pintou as paisaxes de Galicia con palabras”, dixo.

O conselleiro quixo agradecer á Fundación Otero Pedrayo a organización do Abril oteriano no que se enmarcan estas xornadas, co fin de poñer en valor unha figura única, “un dos meirandes humanistas e polígrafos que deu o noso país o pasado século” e que demostrou ao longo da súa vida un extraordinario amor e entrega a Galicia, ao que sinalou como o “Patriarca das Letras Galegas”.

No acto inaugural do simposio participaron, ademais do conselleiro, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o presidente da Real Academia Galega, Víctor F.

Freixanes e o presidente da Fundación Otero Pedrayo, Juan Luis Saco Cid.

Abril oterianoO simposio Os anos máis felices: Otero en Compostela enmárcase no Abril oteriano, organizado pola Fundación Otero Pedrayo e que conta co apoio da Xunta de Galicia, a USC e a Deputación de Ourense, e que conmemora o pasamento do intelectual. Desde o 10 de abril desenvolvéronse varias actividades, como roteiros ou unha homenaxe cos alumnos do IES coruñés que leva o seu nome.

O simposio contará coa intervención de Ramón Villares, Xesús Alonso Montero, Xosé Manuel Salgado, Xosé Luís Franco Grande, Carlos Baliñas, Margarita Ledo Andión, Miguel Santalices e Víctor F. Freixanes. Así mesmo, desenvolverase un roteiro literario guiado polo presidente da Fundación, e por Xosé Luís Franco Grande, Patricia Arias e Afonso Vázquez Monxardín. 


- Te recomendamos -