Organizada pola Fundación Cidade da Cultura e inaugurada no Gaiás en 2015, a mostra poderá verse por última vez tras pasar por Santiago de Compostela, Madrid, Bos Aires, Montevideo, París, Toquio, Nova Delhi e Salamanca
A exposición José Suárez. Uns ollos vivos que pensan exhíbese desde hoxe e ata o 15 de xullo no Museo de Belas Artes da Coruña. A mostra, promovida pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia, retorna a Galicia na súa última itinerancia, tras ser inaugurada en novembro de 2015 no Museo Centro Gaiás en Santiago de Compostela e terse amosado en Madrid, Bos Aires, Montevideo, París, Toquio, Nova Delhi e Salamanca.
A mostra permitiu achegar a figura do fotógrafo de Allariz a máis de 60.000 persoas que a visitaron durante máis de dous anos ao longo de itinerancias en oito cidades de Europa, Asia e América Latina. Creador comprometido que viviu no exilio durante máis de dúas décadas, José Suárez (1902-1974) incorporou os movementos de vangarda europeos e estableceu amizade con destacados intelectuais e escritores, a moitos dos cales retrataría nas súas obras –como Miguel de Unamuno, Rafael Alberti, Ramón Pérez de Ayala, Alejandro Casarón ou José Bergamín–.
Na inauguración de José Suárez. Uns ollos vivos que pensan no Museo de Belas Artes da Coruña, celebrada esta tarde, o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, remarcou a importancia desta mostra na recuperación da figura “dun dos creadores máis extraordinarios da fotografía de España do século XX, un xenio que obtivo recoñecemento en vida, pero que despois do seu pasamento quedou sumido no esquecemento para o grande público".“As súas fotografías son unha homenaxe á historia de tantos galegos que se reinstalaron ao outro lado do Atlántico ou en capitais europeas. A vida e o traballo de José Suárez lembran esta historia compartida de Galicia e das Galicias do exterior. Recórdanos quen fomos e axúdanos a entender quen somos”, sinalou o secretario xeral de Cultura. “Este proxecto cultural permitiu aos galegos redescubrir un dos nosos fotógrafos máis notables. Un artista imprescindible que deixou imaxes icónicas, convertidas en parte da historia visual de Galicia”, finalizou Lorenzo.
O acto contou tamén coa presenza da directora do Museo de Belas Artes da Coruña, Ángeles Penas Truque, os comisarios da exposición, Manuel Sendón e Xosé Luis Suárez Canal, e a directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura, María Pereira Otero.
José Suárez. Uns ollos vivos que pensan retorna así a Galicia como peche a un longo percorrido polo mundo, en parte grazas á colaboración da Cidade da Cultura co Instituto Cervantes, que acolleu a mostra en varias das súas sedes, así como do Centro Cultural Borges de Buenos Aires, o Centro Cultural España Montevideo e a Universidade de Salamanca, onde tamén se amosou.
Con esta exposición e plan de itinerancia, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria proponse restituír a obra de José Suárez, quizais o fotógrafo galego máis universal, ao lugar que lle corresponde na historia da arte, como un dos grandes referentes fotográficos do século XX, non só en Galicia e España senón tamén no ámbito internacional.
Nesta mesma liña de traballo, que procura pór en valor a figura de grandes fotógrafos galegos, o Museo Centro Gaiás acollerá tamén, a partir do 30 de abril, a mostra Pestana. A verdade entre as mans, que xa se puido visitar no Instituto Cervantes en Madrid e ata a que se achegaron máis de 10.000 persoas.
A ollada de José SuárezNo museo coruñés exhíbense unhas 150 fotografías –ordenadas en varias series– así como máis dun cento de documentos e publicacións. Nas vitrinas poden verse libros e revistas onde apareceron as fotografías de José Suárez, recensións, escritos, etc. que permiten contextualizar as imaxes e mostrar algunhas das que non se conserva nin copia nin negativo (como é o caso das publicadas no artigo ‘Mariñeiros’ da revista Cinegraf). A exposición complétase con varias montaxes audiovisuais (en pantallas de plasma e tabletas) e unha serie de retratos de intelectuais e artistas aos que coñeceu ao longo da súa vida.
A fotografía de José Suárez veuse moi influída polas vangardas artísticas europeas, das que extraería unha innovadora linguaxe fotográfica e uns recursos formais que imprimen ao seu traballo un claro carácter de autor. O fotógrafo de Allariz aborda a realidade desde un punto de vista documental nada habitual na época, de aí o recoñecemento do seu carácter innovador e vangardista como fotógrafo.
Desde Allariz ao XapónA mostra, organizada cronoloxicamente, segue as tres etapas vitais de José Suárez. A primeira, titulada Anos 30, desenvólvese entre 1930 e 1936 e contén tres seccións: Por terras de Salamanca (onde estuda Dereito, adquire unha sólida formación e se relaciona con destacadísimos intelectuais como Unamuno ou Bergamín); Galicia anos 30; e Mariñeiros. Nesa época realiza series etnográficas sobre a sociedade campesiña galega e o mundo do mar. A segunda etapa, Exilio, arranca en 1936, cando abandona España debido á Guerra Civil. Instálase primeiro na Arxentina e despois en Punta do Leste (Uruguai); viaxa por toda Hispanoamérica (tamén polo Brasil) e mesmo vive dous anos no Xapón (1953-1954) en busca dunha nova espiritualidade. Froito desta etapa son as seccións Neve na Cordilleira (Os Andes), América do Sur e O Xapón.
A terceira e última etapa, Retorno, comeza en 1959, cando regresa a España. Fotografía La Mancha, onde chegou a dicir que foi na procura do Quixote pero só atopou “Sancho Panzas” e achou a mesma miseria que deixara ao abandonar España; realiza a súa segunda viaxe ao Xapón (onde coñece a Akira Kurosawa) e viaxa por toda Europa como correspondente do xornal arxentino La Prensa. Esa traxectoria reflíctese nas seccións La Mancha: a ruta do Quixote, Touros, Glyndebourne (Gran Bretaña), Mediterráneo e Galicia anos 60. O regreso a España trunca o seu recoñecemento internacional e lévao practicamente ao esquecemento. En 1967 instálase en Ourense e deixa de facer de facer fotografías. Morre na Guarda (Pontevedra) en 1974.
- Te recomendamos -